Consumir froitas e verduras habitualmente pode previr ata o 40% dos cancros orais

O Restaurante Carretas de Compostela acolleu onte a presentación do libro 54 recetas contra el cáncer oral, no que participaron outros tantos establecementos hostaleiros de toda España, entre eles varios de Galicia.

Como recordou o presidente do Consello Galego de Dentistas, José María Suárez Quintanilla, o libro é o resultado do labor altruísta de miles de dentistas e de hostaleiros de toda España, que de xeito de-sinteresado quixeron contribuír a acabar con este carcinoma.

O chef Manuel Rodríguez, responsable da cociña do Restaurante Carretas e que colaborou no libro, agradeceu aos responsables do libro que lle deran a posibilidade de participar nel. "En 2008 lin nun xornal que o grelo ten propiedades anticanceríxenas, así que, sendo eu de Lugo, empecei a combinar o nabo, a nabiza, o grelo, con produtos como a vieira". E, así, o libro 54 recetas contra el cáncer oral recolle o prato de salpicón de vexetais e vieiras ao vapor, obra do restaurador lucense fincado en Compostela.

O coordinador do libro, Juan Manuel Seoane Lestón, indicou que a obra "é a expresión plástica de como distintos sectores se implican nunha causa como esta". Segundo explicou o doutor, profesor da USC, a inxesta de vexetais é capaz de "previr en torno ao 30 ou 40 por cento dos carcinomas orais", algo que os profesionais do sector intentan "facer ver" á sociedade. "É necesario facer ver que os casos (a incidencia é de 8 casos por cada 100.000 habitantes ao ano) poderían rebaixarse perfectamente se se consumisen este tipo de produtos", insistiu.

Miguel Ángel López-Andrade, membro do Consejo General de Dentistas de España, que editou o libro, resaltou que este é "o resultado final dunha campaña nacional na que máis de 2.000 dentistas de toda España fixeron revisións bucais co obxectivo de inormar de que, mirando ben a boca, se poden previr lesións".

Na rolda de prensa tamén estivo presente Antonio Guerrero, en representación da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), que agradeceu unha iniciativa como esta porque contribúen á prevención.

As receitas recollidas son para todos os gustos

O libro 54 recetas contra el cáncer oral recolle pratos preparados por cociñeiros españois con produtos que axudan a previr o cancro oral.

En concreto, e repartidas en distintos apartados, o volume recolle unha gran variedade de receitas para todos os gustos que inclúen entre os seus ingredientes froitas e verduras, alimentos moi recomendados.

Comentarios