Galicia, dividida ante o referendo

En Santiago, máis de 3.000 manifestantes reivindican "o dereito a decidir" de Cataluña mentres noutras cidades, como Lugo ou Vigo, outras protestas defenden a legalidade da Constitución

Varias cidades galegas, como Vigo, Lugo ou Santiago, acolleron protestas "en favor da Constitución" e en contra do referendo catalán, previsto para este domingo. Tamén na capital galega máis de 3.000 persoas, convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya, encheron as súas rúas para reivindicar "o dereito a decidir" do pobo catalán. Había membros de organizacións políticas como BNG ou Anova, sociais, sindicais e culturais galegas.

Os asistentes reiteraron que "votar non é un delito". Ataviados con bandeiras tanto de Cataluña como de Galicia, os manifestantes repartiron papeletas de votación e pasearon unha urna de cartón de grandes dimensións.

A manifestación contou coa participación do histórico dirixente nacionalista e fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e as deputadas de En Marea, Paula Quinteiro e Paula Verao, que defenderon o dereito á autodeterminación dos pobos e censuraron a represión empregada desde o Goberno central para intentar frear o referendo.

En declaracións á prensa durante o percorrido que partiu da alameda compostelá, Xosé Manuel Beiras incidiu na necesidade de apoiar o referendo de Cataluña e censurar a "represión e eliminación de dereitos e liberdades" por parte do Goberno central, dado que "se non nos mobilizamos van converternos outra vez en escravos, non só aos cataláns senón a todos nós".

"O artigo primeiro da Constitución xa está derrogado desde hai tempo, e agora estamos nun Estado de excepción non declarado", sostivo Beiras, que considera que en Cataluña tamén se aplicou o "artigo 155, sen facer o que hai que facer, que é pasar polas Cortes", algo que -ao seu xuízo- non fixo o Executivo estatal "porque saben que non teñen maioría".

Ante a posibilidade de reacción do Goberno central o día logo da celebración do referendo, Beiras sinalou que non sabe que medidas pode tomar ao tratarse dun "manicomio rexido por sádicos e saqueadores" pero, en todo caso -subliñou- "se fan unha barbaridade vanas a pagar, isto non se para con represión".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que encabezou a representación da formación frontista na manifestación, sinalou que esta convocatoria é un exercicio de defensa da democracia e unha denuncia ao "Goberno de Rajoy, que pasou todas as liñas vermellas entrando nunha deriva autoritaria, reaccionaria que se traduce nunha agresión aos dereitos civís máis fundamentais".

Segundo destacou, a situación catalá "hai tempo que se converteu nun debate que nos afecta a todos e a todas, porque xa non se trata só de independencia si ou independencia non, senón que está en xogo é a democracia e os dereitos civís". Ante esta situación, "non nos podemos quedar cos brazos cruzados", porque no BNG entenden que non se pode "criminalizar o lexítimo desexo dunha cidadanía que reclama o seu dereito a decidir", e por iso recordoulles aos cataláns que "non están sos na súa loita".

Así mesmo, tachou de "grotesco" que un Goberno persiga "urnas e papeletas" mentres efectúa recortes en materia laboral e sanitaria, sendo o "máis corrupto de Europa".

A manifestación, que percorreu as rúas do ensanche compostelán e concluíu na praza de Platerías, estivo marcada por diversas consignas como 'a solución, autodeterminación', "hai que ilegalizar ao PP' ou 'España é a nosa ruína'.

Comentarios