Galicia é a comunidade máis cara para repostar

As catro provincias galegas rexistran os prezos máis altos de gasóleo A e gasolina 95

Pontevedra foi a provincia peninsular cos prezos de venda ao público máis altos en gasolina 95 en setembro, seguida por Ourense, Asturias, Lugo e A Coruña. Mentres, Galicia foi a comunidade autónoma cuxas provincias alcanzaron os prezos máis altos en relación ao gasóleo A, segundo os datos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Pola súa banda, Salamanca, Soria e Palencia tiveron os valores máis baixos de gasolina e Soria, Salamanca e Segovia, os máis reducidos en diésel.

A marxe bruta media mensual (prezo antes de imposto menos a cotización internacional de referencia) da gasolina 95 en España aumentou un 3,1% en setembro con respecto ao mes anterior, ata situarse en 17,5 céntimos de euros por litro, mentres que o do gasóleo situouse en 17,1 céntimos, un 1,8% máis.

Segundo o informe mensual de supervisión da distribución de carburantes en estacións de servizo do superregulador, o prezo media en Península e Baleares da gasolina 95 aumentou, por primeira vez en tres meses, un 1,4%, ata situarse en 1,166 euros por litro. No caso do gasóleo A creceu, tamén por primeira vez en tres meses, un 1,2%, situándose nos 1,038 euros por litro, segundo datos da CNMC.

Así mesmo, España mantívose na terceira posición de ranking de prezos antes de impostos máis altos da UE para a gasolina 95. Respecto ao ranking do gasóleo A, ascendeu da sexta á quinta posición.

OPERADORES. No que se refire aos operadores, as estacións de servizo integradas na rede de distribución de BP marcaron os prezos media máis altos en gasolina 95, seguidas das de Repsol e Cepsa. En gasóleo A, as estacións de Repsol, Cepsa e BP, rexistraron prezos media moi similares entre si.

Os prezos media dos tres operadores con capacidade de refino en España foron superiores aos doutros operadores con redes destacadas como Galp Enerxía España e Disa Península.

Comentarios