Detido en Cambre por intentar agredir sexualmente unha menor

O home, residente na Coruña, intentou bicala nos beizos e introducila á forza nun portal

Un home foi detido no municipio coruñés de Cambre por supostamente introducir pola forza unha menor no portal dun edificio e intentar agredila sexualmente, informou este mércores a Garda Civil.

A suposta tentativa de agresión produciuse a finais de xullo pasado cando a menor, que se dirixía a un centro de estudos, foi abordada por un home que a agarrou do brazo e, aparentando coñecela, empezou a facerlle preguntas sobre a súa idade ou dirección. Posteriormente, empezou un forcexeo no que o agora detido intentou bicar nos beizos á moza e, ao non conseguilo, intentou introducila á forza nun portal.

Unha amiga da menor apareceu entón e o home afirmou que era o seu noivo, dixo que pasaría a buscala máis tarde e fuxiu do lugar.

Os investigadores indicaron que outra muller afirmou ser obxecto dun intento parecido por parte do mesmo home pero que preferiu non denunciar o asunto.

O detido, residente na Coruña, foi posto a disposición das autoridades xudiciais que, como medida provisional ante do xuízo por tentativa de agresión sexual, indicáronlle a obrigación de presentarse todos os xoves nos xulgados da Coruña.

Comentarios