Doce locais de Meira ofrecerán tapas de outono

Un total de doce establecementos de hostalería de Meira participan nas denominadas Xornadas de Degustación: Tapa de Outono, unha iniciativa encamiñada a dinamizar a localidade e a promocionar os produtos propios desta época do ano.

O Concello de Meira e os hostaleiros participantes organizan conxuntamente esta iniciativa gastronómica, que se desenvolverá do 11 ao 14 deste mes, ambos os días incluídos. Todos o establecemento servirán, ao prezo único de dous euros, unha proposta culinaria que ineludiblemente ten que contar entre os seus ingredientes con algo típico do outono, como os cogomelos ou as castañas.

O'Casoa, O Muíño, Faíscas, Cazoleiro, Arguiñano, Flor, Recuncho dos Soños, Xeira, Centro, Pozo, Tíbor e Pedreira son a ducia de locais que durante catro días servirán as súas tapas otoñales, que os clientes poderán degustar a partir das 20.00 horas. A diferenza doutras convocatorias similares, non se acordou unha hora para deixar de servir as propostas, polo que en cada local estarán dispoñibles ata o peche da cociña.

Estas xornadas de degustación supoñen a continuidade da semana micolóxica que Concello e hostaleiros promoveran conxuntamente en anos anteriores, aínda que ampliando as posibilidades de creatividade culinaria incluíndo o resto dos produtos propios desta época do ano.

A maioría destes establecementos adoitan, ademais, participar no concurso de tapas que se organiza na primavera e que gozou dunha gran aceptación nas tres edicións que se celebraron ata a data.

Comentarios