O Abadía de San Campio, medalla de ouro no Korea Wine Challenge

O monovarietal de Albariño do Grupo Terras Gauda, Abadía de San Campio, logrou unha Medalla de Ouro no Korea Wine Challenge, no que competiron 407 viños de 14 países de todo o mundo.

Abadía de San Campio foi o único viño galego distinguido co máximo galardón no certame, onde só outro caldo de procedencia española logrou a Medalla de Ouro. No Concurso Internacional celebrado en Corea participaron prestixiosos viños de países cunha importante tradición vinícola como Francia, Italia, Nova Zelandia ou Chile.

O Abadía de San Campio foi elixido polo Daily Telegraph entre os “Top Ten” do 2010 e recentemente recibiu críticas moi positivas en publicacións como Wine Spectator, Wine&Spirits e en Wine Review Online de Stephen Tanzer´s.

O Pittacum Barrica 2007, da adega berciana de Terras Gauda, que habitualmente recibe o recoñecemento dos críticos de viños internacionais conseguiu tamén unha Medalla de Bronce no certame de Corea, que se suma ao premio logrado no Concurso Mundial de Bruxelas.

O Grupo Terras Gauda (Adegas Terras Gauda, Pittacum, Quinta Sardonia e A Rosaleira), con presenza en 47 mercados internacionais, experimentou nos últimos exercicios un importante incremento no nivel de exportacións. A empresa matriz do Grupo, Adegas Terras Gauda, introduciuse o ano pasado en Autralia, República Dominicana e Polonia e, nos últimos meses, en India (cun club de viños de máis de 8.000 membros), Taiwan, Singapura e Curaçao. Ademais, aumentou cota en mercados xa consolidados como Estados Unidos, Canadá ou Reino Unido e dispón de novos distribuidores en Dinamarca e Beijing.

Comentarios