O ano da pataca

Alfonso V. Carrascosa, científico del CSIC
photo_camera Alfonso V. Carrascosa, científico del CSIC

Nas memorias da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) recóllese como a Misión Biológica de Galicia xurdiu a raíz dun intento de levar a provincias a fundación de laboratorios científicos con tarefas de investigación, docentes e de apoio á industria local.

Segundo a Memoria JAE de 1921, a Misión Biológica botou a andar con dous problemas locais a resolver: a enfermidade coñecida co nome de “tinta” do castiñeiro e a mellora do millo por hibridación. No curso 1926-27 comezou a abordar o estudo da pataca -un cultivo crecente en Galicia por aquel entón- para intentar buscar solucións á compra masiva de tubérculo para sementeira que se facía no exterior. Ofrecendo a posibilidade de ensaiar a procura de variedades adaptadas a Galicia, e co apoio de labradores e entidades locais, os estudos puxéronse en marcha.

Pretendíase atallar a dexeneración que a pataca sofre cando se resementa de ano en ano, pondo en marcha sementeiras propias. En 1930 levou a cabo o que por entón foi o estudo máis amplo realizado en España sobre o tema, con 56 variedades alemás á vez, e do cal resultou información sobre as variedades máis produtivas, máis adaptadas e máis resistentes ao mildew. A pataca gañaba protagonismo na Misión, en detrimento do castiñeiro. Por circunstancias a Misión cambiou de residencia en 1930, volvendo a Salcedo en 1931, e dedicándose xa entón ao millo e a pataca, xunto co gando de porca.

Con 39 variedades máis, entre novas alemás e holandesas, continuáronse os estudos durante 1931-32. O interese local suscitado polos traballos e a comunicación dos resultados produciu o ofrecemento de terreos para ensaios en máis localidades. “Variedades de pataca para Galicia” e “Ensaios de variedades de patacas” foron senllos artigos sobre as actividades realizadas publicados en El Pueblo Gallego. En 1933-34 estudouse ademais de o anterior o efecto do sulfitado para paliar a caída de produtividade por mildew, da emenda de terreo con cal para diminuír as manchas da carne de pataca, e aumentáronse as variedades a estudo, publicándose os resultados no Boletín del Sindicato de Productores de Semillas.

Ciencia e agricultura camiñaron estes anos da man en Galicia. E todo por a pataca, que o merece. Aínda que o podio dos alimentos humanos máis consumidos sexa o arroz, o trigo e o millo, para os europeos o trigo o millo e a pataca constitúen o grupo de alimentos “medalla” de orixe vexetal. A pataca é como unha máis da familia na maioría dos fogares. Xa o di o refrán “O arroz, con tomate e pataca cocida alarga a vida”. A ONU declarou 2008 ano da pataca, co obxectivo de promover a investigación e o desenvolvemento dos sistemas de produción de este cultivo, algo que a nivel local Galicia decidiu exporse hai agora case un século.

Afonso V. Carrascosa é científico do CSIC.

Comentarios