O 'Bloody Mary made in Galicia', do Curro da Parra, gaña o Santiago(é)tapas 2011

O 'Bloody Mary made in Galicia', do restaurante O Curro da Parra, resultou gañador do Santiago(é)tapas 2011 no galardón á mellor tapa cunha dotación de 2.500 euros. O Mercado de Abastos de Santiago acolleu a Gala de entrega de premios da IV edición de Santiago(é)tapas, o concurso de tapas de Santiago de Compostela, no que neste ano se consumiron máis de 30.000 tapas nos 60 establecementos participantes, que presentaron a concurso un total de 113 tapas.

Na cuarta edición deste concurso o segundo posto foi para 'Salpicón de polbo', do restaurante Acio e o terceiro para 'Pescada sobre emulsión de chícharos, ceboliñas ao tomiño limoeiro e pataca confeitada', do Hotel Puerta del Camino.

Na categoría de Tapa que mellor marida con Estrella Galicia Artesana, saiu premiada 'Bocado doce de vieira', do restaurante Garum. Pola súa parte, o público escolleu a tapa 'Torrada con xeado de crema de augardente', de A Tafona, como mellor tapa e o establecemento Abastos 2.0 recibiu o Premio (é)xcelente, á calidade do servizo prestado no establecememento.

A cuarta edición de Santiago(é)tapas amosou a consolidación do concurso na cidade e a súa rendabilidade para os establecementos participantes. Os datos así o amosan: entre o 13 e o 29 de maio consumíronse algo máis de 30.000 tapas, todas elas a un prezo único de dous euros. A media de consumo diaria situouse nas 1.800 tapas, unha media que supera as das edicións anteriores: 1.250 no nacemento do concurso en 2008, 1.600 en 2009 e 1.450 en 2010, cando se celebrou unha edición especial cunha semana máis de duración por mor do Ano Santo Compostelán.

Esta edición de Santiago(é)tapas, evento enmarcado na celebración do 800 Aniversario da Catedral, foi a que tivo o maior número de estabelecementos participantes ata o momento, 60. A progresión é a seguinte: 45 en 2008, 50 en 2009, 56 en 2010 e 60 en 2011. Hai que ter en conta que nesta edición, por primeira vez e coma sistema de control de calidade, todos os establecementos tiveron que preparar as súas tapas nas instalacións da Asociación Hostelería Compostela, promotora do concurso xunto co Concello, onde foron valoradas como aptas ou non aptas por un xurado de preselección.

Ademais, hai outros datos que apuntan o bo funcionamento do concurso. Por exemplo, repartíronse máis de 36.000 posavasos para as valoracións do público e máis de 6.000 Tapasportes para que se puideran seguir as diferentes rutas, houbo máis de 500 descargas do Tapasporte virtual, unha innovación deste ano que permitía facer o concurso a través dun terminal móbil, e a páxina web sumou máis de 50.000 páxinas vistas.

Comentarios