O 'Cocido Telúrico' dos Azores

Preparación del 'Cocido das Furnas' (Foto: J. Posada)
photo_camera Preparación del 'Cocido das Furnas' (Foto: J. Posada)

O segundo Sábado de Xuño celébrase o “Cocido das Furnas” na Illa de San Miguel, Azores, e alí fomos en descuberta, atrevéndonos cun dos pratos máis estraños da Gastronomía mundial.

Produto.- Consiste en cocer conxuntamente un pouco de porco, algo de vaca, unhas ás ou zancos de galiña, uns anacos de "enchidos" das Azores, que veñen sendo unhas morcillas negras, así como un pouco de salchichón tamén de por alí, ambos moi bos; e como hidratos de carbono a batata, o inhame, que é un tubérculo moi interesante e característico, endémico na illa. Algo de repolo, pataca, col galega e zanahoria completan o universo na pota.

Pero o máis peculiar e característico é o Proceso: Aproveitando que é unha illa eminentemente volcánica, faise un profundo buraco de 1 metro aproximadamente nunha zona volcánica, onde salen fumarolas, en concreto, as “furnas”; e métese alí a pota con todos os seus compoñentes durante 5 ó 6 horas. Pacientemente espérase a que se vaia facendo, mentres os comensais van facendo apetito e degustando unha variedade e cantidade enorme de acepipes ou aperitivos, acompañados de cervexas, viños e o que caia.

Ao cabo dese tempo, nese telúrico fogón da terra terráquea vaise producindo o fenómeno da ósmosis, sinerxía, intercambio  e combinación de aromas e sabores, e sae un magnífico prato con algo de retoque sulfúreo para darlle máis encanto. Servido en cantidades para matar a fame a un elefante de media idade, cómese paciente e demoradamente, en forma e estilo entre plácido e recreado, regado de abundante conversación e  viño do pico ou dos biscoitos tamén das Illas.

Exótico sabor
Ten este cocido un apreciado exótico sabor, moi do gusto local  e estanse atrevendo tamén a realizar desta forma peculiar, un bacallau (obrigado, estamos en Portugal), unha feijoada estilo brasileiro e tamén, como non, algún polbo que lle sae un pouco cocido de máis, nada que ver co polbo á galega ou o polbo grego asado nas brasas.

Recoméndase este prato, non só por recuperar a tradición, senón por exotismo e, naturalmente, de sobremesa pode caer un pudim (flan), que tamén se atreven a realizar nestes fogóns, aínda que procesado menos tempo, naturalmente, e un marabilloso “queijo” das illas que pode ser de San Jorge, ou San Miguel, ou de Capelinhos, unhas marabillosas calidades e variedades, xa que teñen moitísimas vacas con mirada lánguida e triste, aposentadas no seu esplendoroso verdor.

O mellor que teñen as Illas de Azores é a xente, amable e hospitalaria, e recoméndase pretextar doenzas crónicas estomacais, úlceras ou algo así, para poder rexeitar, intentar reducir as inxentes cantidades de alimentos cos que tratan de regalarche ou asasinarche, non está clara a súa intención.

Asombran unhas paisaxes incribles, en grao sumo exótico, interesantes do mundo, e están  cheas de flores, principalmente de hortensias, lirios, azucenas, pinsapos, araucarias, e unha variedade de especies, que recordan a un parque botánico flotante, no medio do Atlántico. As plantas rodean todas as estradas e camiños, conseguindo un colorido magnífico e peculiar, que configuran un lugar  extraordinario ao cal vale a pena volver.

Hai baños quentes, ferruginosos, sulfúreos, sulfhidricos ou normais, e toda unha gama marabillosa de peixes, desde pargos e meros ás baleas, que se poden ver desde barcos especiais e admirar como chapotean coa cola mollando aos clientes curiosos, demasiado atrevidos. Antes matabamos aos animais, e agora espiámolos nun "voyeurismo" impúdico contra a súa intimidade familar.

Recomendable
As Azores é un dos sitios menos turísticamente coñecido e, con todo, dos máis bonitos que vin na miña vida, merecedor non só dunha estadía dunha semana, moi recomendable aos recén casados e xentes que intentan atoparse. Para os veteranos é o sitio ideal para instalarse e aburrirse, ou sexa, cargar a batería espiritual, reconciliarse consigo mesmo, asombrarse frecuentemente e comer e beber alegremente en boa compañía. Quizá estou a describir un paraíso, e sexa convinte non pasar demasiado rápido a boa nova e a palabra de que existe este recanto, xa que se pode encher de usuarios axitados e estragarnos un dos poucos lugares interesantes e sosegados que existen na face da Terra.

É soamente unha viaxe de 2 horas desde Porto en avión, e desde logo que vale ben o “detour”, aínda que tamén queda de viaxe para EE.UU. e é unha escala recomendable para os que vaian esgotarse no stress da  tensionada vida americana. De ida ou volta, é cargar as pilas, mirar cara a dentro, reconciliarse consigo mesmo e, desde logo, definitivo para o que está cansado de feiras, festas, parrandas, romarías e canso  do mundanal ruído. Que a paz sexa convosco...nas Açores de Portugal.

 
José Pousada
AGAXET
Ourense, Galiza
[email protected]

 

Comentarios