O cociñeiro Yayo Daporta inaugura o sexto concurso de tapas Saborea As Pontes

Yayo Daporta. Foto: EPL
photo_camera Yayo Daporta. Foto: EPL

Ao redor dunha trintena de locais de hostalería competirán desde mañá na sexta edición do concurso de tapas Saborea As Pontes, unha cita asentada no calendario festivo local que este ano se estreará co prestixioso cociñeiro galego Yayo Daporta, que actualmente é parte do xurado, xunto a Alberto Chicote, do programa televisivo Top Chef e que conta cunha Estrela Michelín no seu currículo polo seu traballo nos fogóns.

«Queremos reforzar un concurso que funciona, que gaña participación de público ano tras ano, coa intención de continuar apoiando ao sector hostaleiro da localidade», explica a edil pontesa Montserrat García, que destaca que con esta edición daranlle un novo impulso e unha maior repercusión a esta iniciativa coa axuda dun xuíz mediático que tamén fará de xurado no concurso pontés.

As 29 propostas gastronómicas, que terán o prezo dun euro en todos os establecementos participantes, serviranse desde este venres 10 e ata o vindeiro domingo día 19. As tapas poderanse degustar en horario de mañá, entre as 12.00 e as 14.00 horas, e de tarde, desde as 19.30 ás 22.30 horas.

Todas as propostas, que se poderán saborear nas Pontes durante os próximos dez días, presentaranse ao público mañá na inauguración oficial do concurso gastronómico. Será ás 18.00 horas na Casa Dopeso, nun acto aberto a todo o público, que dará o pistoletazo de saída a esta nova edición do certame.

Os participantes nesta ocasión serán Botellería, Caseta do Parque, Fervenza, As 3 Pontes, A Cepa, A Magdalena, As Campeiras, O Cotío, Xota, Ortegal, Xardín, Carboeiro, Las Torres, Vales, Manía, Porta do Eume (Goente), Casa Ana, Calvo, Excalibur, Hotel Pontes do Eume, Capilla, Cova, 7 Camiños, Mesón de Pepe, Mesón Martínez, Marbella, Casa Tesresa, Trastoy 1 e Trastoy 3.

PREMIOS

O concurso Saborea As Pontes repartirá este ano tres premios entre os locais participantes: un á mellor tapa valorada polo xurado, outro á máis votada polo público e un máis á ditaminada polo propio Yayo Daporta, que mañá, na apertura do certame, dará o seu voto como xurado honorífico e con premio propio.

A forma de votar será a mesma que nas anteriores edicións. O público conseguirá un selo por cada tapa que probe e con oito diferentes seladas en oito locais poderá entrar no sorteo final dun televisor.

O sorteo realizarase o día 21 ás 12.00 horas na Casa Dopeso, aínda que o premio, do mesmo xeito que os galardóns ás mellores propostas, non se entregará ata o día 24. O acto está previsto para as 19.00 horas no salón de plenos da casa consistorial.

Doce cócteles amplían a oferta

O certame se reinventa ao incluír o primeiro concurso de cócteles e combinados, unha iniciativa que impulsan os hostaleiros para ampliar a oferta ás noites. Serviranse a 3,50 euros a partir das 00.00 os fins de semana. E haberá un premio para o mellor.

Os participantes serán doce: Fervenza, As 3 Pontes, Manía, Capilla, Excalibur, Botellería, Mesón de Pepe, Marbella, Las Torres, Labrego, Garigolo e Picos.

Comentarios