viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

O Concello da Fonsagrada organiza a primeira feira dos cogomelos e a caza

A Fonsagrada celebrará os días 2 e 3 de novembro a primeira feira dos cogomelos e a caza. Durante dúas xornadas, estes produtos serán os protagonistas nas cociñas dos restaurantes da localidade e centrarán un mercado ecolóxico que se instalará na praza da igrexa.

O Concello da Fonsagrada pretende con esta iniciativa promocionar dous recursos naturais moi importantes para os municipios da montaña lucense e que ata agora non tiveran un tratamento especial.

O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, recordou a importancia da caza na zona. O tecor fonsagradino é dos maiores da provincia e un dos que máis cazadores foráneos atrae. A extensión da Fonsagrada e a súa peculiar orografía, así como a calidade das súas pezas, fai deste territorio unha zona especialmente apetecible para os afeccionados tanto á caza maior como á menor.

A tempada de cogomelos, que agora comeza, tamén atrae gran número de visitantes á montaña de Lugo e nos últimos anos converteuse nunha fonte temporal de ingresos para os recolectores.

O Concello da Fonsagrada presentará aos visitantes distintas vertentes da caza e os cogomelos. Unha carpa acollerá na praza da igrexa postos de venda de cogomelos naturais ou envasadas, outros produtos ecolóxicos propios da zona e unha ampla variedade de conservas elaboradas a partir deles.

Os restaurantes da Fonsagrada participarán tamén no evento con menús especiais que terán estes dous produtos como centro. Esta oferta gastronómica é habitual no outono nalgúns restaurantes fonsagradinos, que paralelamente á afección dos veciños pola caza foron perfeccionando a preparación deste tipo de carnes.

Está por concretar o número de locais de hostalería que participarán, aínda que o alcalde confía en que se somen á iniciativa a maioría dos establecementos da localidade.

TIRO CON ARCO

O Concello da Fonsagrada ideou un programa de actividades para complementar a feira. As máis singulares celebraranse o día 3, domingo. A partir das dez haberá demostracións de tiro con arco na alameda e clases para quen desexe iniciarse nesta práctica.

Á unha da tarde haberá unha demostración práctica de caza con arco. Os organizadores instalarán un posto de espera na alameda e mostrarán a súa destreza disparando as súas frechas a siluetas móbiles que simulasen animais a tamaño natural.

O Concello da Fonsagrada organiza a primeira feira dos cogomelos e...
comentarios