O concurso de tapas pontés propón 22 degustacións

Cartel del concurso de tapas
photo_camera Cartel del concurso de tapas

Un total de 22 bares e restaurantes ponteses participarán na quinta edición do Concurso de Tapas Vila das Pontes, unha convocatoria que arrincará este sábado e desenvolverase ata o domingo 20 co obxectivo de apoiar e dinamizar o sector hostaleiro e promocionar a gastronomía local.

O certame pontés, que como en anteriores edicións presentará todas as propostas gastronómicas ao prezo dun euro, repartirá 500 euros entre o público asistente, repartidos en dez premios de 50 euros cada un -en vales de cinco euros-, que deberán ser consumidos nos establecementos participantes no concurso antes do 31 de decembro deste ano.

O horario da degustación será de mañá,de 12.00 a 14.00 horas, e de tarde, desde as 19.30 ás 22.30 horas, e todos os locais participantes optarán a dous premios: A Mellor Tapa Pontesa, outorgada polo xurado popular, e a Tapa coa Mellor Presentación, que concederá a comisión oficial de valoración, composta por cinco persoas da organización.

«O nivel está altísimo. As tapas son moi elaboradas e están cada vez máis traballadas e a calidade é moi alta», indican desde o Instituto Pontés de Promoción Económica (Ippec), o organismo encargado de promover unha nova edición dun concurso que cada vez conta con máis seguidores e que dinamiza durante máis dunha semana o día a día do sector hostaleiro local.

«O número de participantes no certame máis ou menos mantense, aínda que moitos son diferentes porque algúns negocios pecharon e outros novos incorpóranse», indican desde o Ippec, mentres enumeran os 22 locais que este ano loitarán por conquistar os padais de ponteses e visitantes. A lista intégrana o Mesón A Bodega, A Caseta do Parque, A Fervenza, As Tres Pontes, o bar La Cueva, A Cepa, o bar As Campeiras, o Centro, o café bar Carboeiro, Las Torres, o Vales, a cervexería bar Calvo, a cafetería Estación Porta do Eume, o restaurante Casa Teresa, a cervexería La Capilla, o Dreams, o Hotel Pontes do Eume, o Mesón Ana, O Martínez, O Marbella, o Trastoy 1 e o Trastoy 3.

Entrega de premios

O acto de clausura e entrega de premios do certame de tapas celebrarase o venres 25, ás 19.00 horas, na Casa Dopeso, despois de que o día 21 sexan recollidas todas as urnas cos votos do xurado popular nos distintos establecementos da localidade. O sorteo de premios do público celebrarase o día 22 ante a secretaria do Concello e os premiados deberán acudir o 25 ao acto de clausura para recibir os seus galardóns.

Comentarios