A 47 feira do Viño Ribeiro ofrecerá unha maridaxe singular entre viño e música

Nos primeiros días de xullo, a alameda de Ribadavia e o castelo dos
Sarmiento serán escearios dunha perfecta maridaxe entre viño e
música, pois na primeira estarán instaladas 30 adegas da comarca
vitícola e na fortaleza, o gaiteiro Budiño presentará o seu novo
disco-vídeo elaborado con concertos en catro continentes, os mesmos nos
que se comercializa o viño Ribeiro.

A entidade organizadora informou nun comunicado sobre algúns aspectos
desta feira que será a número 47 e celebrarase os días 2, 3 e 4 de
xullo, aínda que o pregoeiro non se dará a coñecer ata o acto de
presentación oficial da feira, que será o día 25 de xuño en Ribadavia.

O obxectivo da nova edición é unir tradición e modernidade e
"descubrir a maxia do Ribeiro aos máis novos", segundo o comunicado.

Actividades

Antes da inauguración prevista para o día 2 coa ministra de
Medio Ambiente, Rural e Mariño, Elena Espinosa, desenvolverase en
Ribadavia a sexta edición do encontro "Laconnetworks" no que
participan 40 empresas galegas cuxas principais ferramentas de
traballo son as novas tecnoloxías como portais turísticos,
consultorías, viaxes e outras.

Os participantes reuniranse na igrexa da Magdalena, en
Ribadavia o día 25 de xuño ás 15:00 horas e visitarán logo varias
adegas da comarca.

Ademais, o día 29 de xuño comezará o curso universitario de verán
"A cultura do viño na Idade Media" con conferencias durante tres
días a cargo de medievalistas como Anselmo López Carreira, Ana María
Rivera Medina e Carlos Roura.

Gaiteiro Xosé Manuel Budiño

O concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño será o sábado día 3 de
xullo no castelo dos Sarmiento a partir das 23:30 horas e
contará coa participación do músico Xoel López.


A entrada será gratuíta e o espectáculo suporá a estrea oficial
en Galicia do novo disco-vídeo do gaiteiro "Volta" no que se
reúnen música e imaxes de concertos seus nos catro continentes
e durante os últimos anos, dos que o último é o que protagonizou
no festival de Ortigueira en 2009.

Comentarios