O Goberno Galego prevé 'materializar' este ano varias rutas do viño

Cepas de uva albariña en Cambados (Galicia Gastronómica)
photo_camera Cepas de uva albariña en Cambados (Galicia Gastronómica)

O director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois, anunciou no Parlamento galego que a Administración autonómica prevé "materializar" este ano varias rutas do viño nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro, mentres que será necesario "un maior esforzo" para estender este tipo de promoción turística ás outras dúas denominacións que existen en Galicia, Valdeorras e Monterrei.

Na súa comparecencia na comisión de Industria do Parlamento, Rubén Lois insistiu en que resulta "moi importante" o desenvolvemento de traxectos en autobús que permitan promocionar a produción vitivinícola en Galicia, co obxectivo de que se configuren "rutas consolidadas" nas cinco denominacións de orixe.

Para iso, o director xeral detallou que as consellerías de Innovación e Industria e a de Medio Rural traballan na elaboración dun decreto -cuxo borrador xa está concluído- que permitirá desenvolver rutas destas características en Galicia. Con todo, Lois detallou que "nalgunhas xa se tomaron iniciativas" para potenciar estas actividades de promoción, mentres que outras "van máis atrasadas".

Iniciativas
En concreto, Lois avanzou que Turgalicia "vai colaborar dun xeito efectivo" no impulso destas rutas, e citou algunhas iniciativas que xa se puxeron en marcha previamente, como accións de cooperación coa adega Condes de Albarei, pertencente ao D.O Rías Baixas. "Ata agora tomáronse iniciativas moi interesantes", afirmou o director xeral, quen insistiu en que "chegou ou momento de que se vaian plasmando".

Ademais, tamén recordou que este tipo de rutas xa se realizan noutros países europeos como Alemaña, Italia ou Francia, e que en ningún caso irá en contra da lei sobre drogodependencias. "Un consumo moderado de viño está unido á nosa cultura", recalcou Rubén Lois, quen destacou que esta iniciativa terá que "coordinarse coa normativa" vixente.

Pola súa banda, a deputada 'popular' Amparo González sinalou que as rutas do viño "xa existen en Galicia" e que por iso, "ou único que hai que facer é coidalas e potencialas". Por iso, reclamou "un esforzo" de financiamento para potencialas.

Comentarios