O ''Slow Food'' comeza a moverse por Galicia

slowfood.jpg
photo_camera slowfood.jpg

A confraría de pescadores de Lira acolleu esta semana unha reunión dos socios do "convivium" galego dun movemento mundial iniciado en 1986 en Italia co nome de "Slow Food" (comida lenta) cuxo obxectivo é ser alternativa á invasión homogeneizadora do "Fast Food" (comida rápida) e ao frenesí da "fast life" (vida rápida), segundo a súa páxina web

En Galicia 20 socios da Coruña e Pontevedra por agora

Na reunión de Lira estiveron algúns particulares e veciños da vila mariñeira, empresarios como Antonio Muiños, elaborador de conservas de algas e outros produtos, Manuel Rodríguez, procesador de polbo do Grove, e o propietario da casa rural "Trillo" de Muxía, Jesús Trillo,  pescadores como o secretario da confraría "Mar de Lira" Emilio Louro ou a profesora de cociña Julia Roque de Vigo, entre outros.

Para dar a coñecer o movemento "Slow Food", os actuais socios dedicarán unha xornada na sede da empresa Porto-Muiños, en Cambre (A Coruña), a explicar a produtores, particulares e restauradores de toda Galicia as bases do colectivo sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo informar e educar ao consumidor nunha alternativa alimentaria que defende a biodiversidade e promove alimentos "bos, xustos e limpos".

A xornada será o día 24 de setembro pola tarde e incluirá charlas para os produtores, unha presentación pública e un taller de cociña con algúns dos alimentos galegos que forman parte xa dunha simbólica "Arca do Gusto" na que se reúnen produtos básicos en vías de extinción ou elaborados con procesos artesanais en perigo de abandono.

Os produtos galegos que xa forman parte da "Arca do Gusto" son "o millo corvo" de Bueu, a centolla de Lira e o "porco celta" e o coletivo proporá a ampliación con novas candidaturas.

Galicia estreará expositor en feira "Slow Food" de Turín

A cidade italiana de Turín acolle cada dous anos o "Salón do Gusto", que é un certame gastronómico que se celebrará en 2010 entre os días 21 e 25 de outubro e contará por primeira vez cun expositor de Galicia.

O secretario da confraría de Lira, Emilio Louro, explicou a GG que a nivel particular, membros da súa confraría e das de Abanqueiro (Boiro), Bueu e Cedeira, e algúns empresarios, xa visitaron o salón en convocatorias anteriores e outros como a Feira "Slow Fish" (peixe lento) en Bremen e en Baracaldo.

"Sempre acudimos invitados porque representamos modos de pesca artesanal de comunidades pesqueiras tradicionais, que loitan por manter un modo de vida sostible e en harmonía co medio ambiente baseado na obtención de recursos en terra e mar fundamentais para nós e para o equilibrio natural", explicou.

Ademais do expositor de Galicia de 72 metros cadrados financiado pola Deputación da Coruña e xunta de Galicia, haberá outros espazos na feira gastronómica italiana destinados a produtos galegos como unha xornada dedicada aos viños tintos.

O "Slow Food" camiña rápido

O movemento mundial xurdido en 1986 en Italia conta xa con 750 "convivios" ou grupos locais en todo o mundo dos que 30 son de España.

Os seus principios de protección dos alimentos de calidade e métodos de cultivo e transformación tradicionais e sostibles contan con 180.000 socios que ademais apelan á defensa da biodiversidade e das diferenzas culturais territoriais, intimamente ligadas á nosa herdanza alimentaria.

Fronte ao "Fast Food", a alternativa de "comida lenta" considera que o xantar  é un acto agrícola e por iso os consumidores informados do impacto das súas eleccións na vida dos produtores, convértense en coproductores e para eles, os alimentos deberán ser bos (saborosos, frescos), limpos (non nocivos para a terra nin para a saúde) e xustos (vinculados a pagos e condicións laborais dignas en todas as etapas entre produtor e consumidor).

A amplitude de obxectivos deste movemento mundial propiciou a formación de asociacions como "Terra Madre" que coorganizará o "Salón do Gusto" 2010 de Turín, e que naceu en 2004 na mesma cidade italiana con 5.000 produtores de 130 países para protexer ás persoas que coidan as terras, os coñecementos e os alimentos que conservan o gusto das nosas infancias.

Comentarios