lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Lúpulo: do experimento ao negocio

Desde hai uns catro anos, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) rescataron o cultivo do lúpulo, un cereal que proporciona o característico sabor amargo á cervexa. Esta especie tivo os seus anos dourados a mediados do século pasado, sobre todo na comarca coruñesa das Mariñas, pero o seu cultivo abandonouse totalmente en 1982.

No 2006, con motivo do centenario da empresa cervexeira Estrella Galicia, intensificáronse os contactos entre a fabricante, Fillos de Rivera S.A., e o CIAM. E o lúpulo pasou do campo á cervexa 'Estrella de Navidad', unha edición limitada e numerada que saíu ao mercado para celebrar o aniversario.

Debido ao éxito que segundo o xefe do departamento de pastos e cultivos do centro, Juan Piñeiro, tivo a experiencia, ao ano seguinte decidiron repetir e pór en marcha un proxecto de investigación, financiado pola Consellería de Medio Rural, a partir do que probaron novas técnicas de produción relacionadas coa mecanización do proceso e a busca das variedades máis rendibles.

Proxecto pioneiro
No centro de Mabegondo traballan coa vista posta no futuro, xa que pretenden que o cultivo desta planta se estenda a toda a comunidade. Piñeiro ve posible que se implante como un cultivo alternativo aos tradicionais debido á súa alta rendibilidade. A flor de lúpulo, que se vende segundo a súa calidade medida en graos alfa, pode alcanzar un valor bruto de 9.000 euros por hectárea ao ano ao chegar aos 12 graos.

As campañas desenvolvidas ata o momento permitiron comprobar a ''boa aceptación'' da industria. Ademais, as condicións actuais do mercado permiten albiscar un futuro prometedor, xa que no conxunto do Estado só se produce cerca do 50% da demanda. A outra metade chega a través da importación, fundamentalmente de Alemaña, cos custos que isto supón.

Agora mesmo hai plantadas en toda España unhas 600 hectáreas, a maioría delas na provincia de León. Desta forma, o responsable de pastos e cultivos do centro coruñés cifra en 200 as hectáreas que se poderían plantar en Galicia, das que 40 pertencerían a Galicia.

Ampliar cultivos
Tendo en conta esta premisa, desde o CIAM traballan no aumento da superficie cultivada, o que permitirá alcanzar un rendemento óptimo. Así, na campaña de 2008, obtivéronse ao redor de 1.400 quilos de flor, o que permitiu embotellar 160.000 litros de 'Estrella de Navidad'.

En setembro deste ano recollerase o produto, do que prevén alcanzar unha cantidade entre 1.800 e 2.000 quilos, nunha superficie dunha hectárea, o que supón multiplicar por sete a extensión da que dispuñan inicialmente.

E para o ano que vén sementarán outra hectárea máis, destinada fundamentalmente á experimentación con novas variedades e diferentes métodos de cultivo.

Limitacións
Pero non todo reloce ao redor do chamado 'ouro verde'. A falta de maquinaria para procesar e transformar a flor lastra a viabilidade das plantacións. O ano pasado, a cervexeira adquiriu unha máquina peladora, xa antiga, que comprou en León. O centro habilitou un secadoiro, pero segundo Piñeiro, atopáronse con problemas para conseguir a autorización de funcionamento debido ás estritas condicións hixiénicas que debían reunir.

De todos os xeitos, aínda teñen que enviar a colleita ás instalacións da Sociedade Española do Fomento do Lúpulo, situadas na localidade leonesa de Villanueva do Carrizo, para facer o proceso de compresión da flor en pellets, o que incrementa os custos da materia.

Piñeiro confirma que non prevén adquirir máis máquinas nun futuro próximo, xa que se necesita un investimento forte. Ademais, en España non hai fabricantes deste tipo de maquinaria, polo que terían que importala de Alemaña, onde están máis desenvolvidas todas as aplicacións relacionadas co lúpulo, debido á antigüidade das plantacións.

O investigador confía en que sexa desde o ámbito privado de onde cheguen as apostas para pór en marcha a recuperación do lúpulo de forma integral.

Iniciativa privada
A implicación da iniciativa privada é fundamental para consolidar este cultivo. E, en principio, parece que respondeu ben. O ano pasado constituíuse a cooperativa Lúpulo Tecnoloxía de Galicia (Lutega), que conta con catro socios. O seu xerente, Antonio Lage, explica que apostaron pola planta como unha ''alternativa de negocio'', para o que buscan estabilidade, ''que perdure no tempo'' e, como fin último, rendibilidade.

A cooperativa dispón de catro hectáreas plantadas, das que recollerán a flor a principios de setembro. Nestes momentos buscan financiamento privado para comprar as máquinas e situalas nunhas instalacións apropiadas, ''o máis cerca posible das terras''. Contan con ter todo preparado antes do momento da colleita e para iso necesitan un investimento próximo aos 2,2 millóns de euros.

Desde Lutega están totalmente dispostos a aproveitar a oportunidade que se presenta, por iso Lage confirma que xa teñen previsto plantar noutra leira nove hectáreas máis, pero o obxectivo final é alcanzar as 30. Ademais, pretenden intercalar o lúpulo con outros cultivos de como a coliflor, o repolo ou o espárrago, xa que consideran que ter terra sen producir durante o inverno, cando descansa o lúpulo, é un modelo demasiado caro.

Negocio asegurado

Tamén buscan novos socios, ata chegar aos 10. O xerente anima a agricultores e investidores a participar no proxecto, do que asegura terá unha rendibilidade ''moi alta'', a pesar de que se necesitarán entre tres e cinco anos para alcanzar un nivel de produción que achegue beneficios.

Un dos puntos que teñen a favor é que ''non imos ter problema para vender'', confirma Lage, porque a demanda nacional é moito máis alta que a produción. Comenta que Estrella Galicia terá a ''tranquilidade de contar cun provedor á porta de casa'', algo que lle permitirá aforrar, xa que a materia que importa é máis cara e ás veces ocorre que as variedades que recibe non se adpatan aos gustos dos consumidores españois.

O socio de Lutega afirma que os produtores nacionais poderían cubrir un nicho de 900.000 toneladas dentro do país ''sen ter medo a saturar o mercado''.

Abrir fronteiras

Aínda tendo comprador asegurado, Lage considera que ''non hai que pecharse'' e apunta á investigación de novos mercados para exceder fronteiras. Indica que hai que estudar as oportunidades de negocio que se presentan en EEUU, Alemaña ou Irlanda, gran consumidor de cervexa pero que importa todo o lúpulo que utiliza.

Tampouco pecha portas en canto á localización das plantacións na comunidade. Inicialmente comezaron no concello coruñés de Abegondo, pero apunta á comarca do Deza e á de Ferroltera como posibles localizacións futuras de leiras de cultivo.

Lúpulo: do experimento ao negocio
comentarios