O percebe de untar chegará por Nadal

Técnicos de la Consellería do Mar miden percebes "picholones"
photo_camera Técnicos de la Consellería do Mar miden percebes "picholones"

A Asociación de Percebeiras de Baiona, integrada na Confraría de Pescadores, leva anos superando dificultades administrativas, empresariais e xudiciais que comezaron ao constituírse como colectivo con capacidade de xestión, de contratar a vixiantes para reducir o furtivismo dalgúns dos integrantes da confraría e de proxectar formas de aproveitamento do percebe, diferentes á da venda en fresco.

Percebes para consumo en fresco e percebes "picholons"

A presidenta da Asociación de Percebeiras, Susana González, explicou a GG que a asociación se constituíu meses despois do afundimento do barco "Prestige" fai agora 8 anos, para tentar reflotar un sector que estaba destruído non só polo chapapote vertido polo petroleiro senón polo predominio do furtivismo na extracción do percebe.

Agora,en 2010, a colectivo conta con 138 percebeiros e percebeiras ao 50%, un grupo de cinco gardapescas ou vixiantes contratados para controlar o furtivismo e cun Plan de Explotación anual que autoriza a extracción de 5 quilogramos de percebes por persoa e día durante 150 días ao ano.

Estes traballadores do mar poden ir ao percebe "a pé" -sobre as rocas accesibles desde a beira- ou "á flote" desde barcos e para evitar que o percebe do que viven quede esquilmado, decidiron este ano 2010 recortar a súa extracción a 4 quilogramos por persoa e día e durante 100 días.

"Ese é o percebe que destinamos á venda na lonxa para o seu consumo en fresco con un prezo que varía segundo a demanda do mercado", agregou.

Desde hai anos, o colectivo detectou a existencia doutro percebe coñecido en Galicia como "picholón" -moi alongado, brando e con gran cantidade de auga no interior-, e ideou a forma de aproveitalo para deter a súa expansión, pois ao ser descartado para o consumo en fresco, ninguén o arrinca e prolifera moito máis que o de calidade.

Fai uns 3 anos elaboraron un proxecto para sacar ao mercado este percebe "picholón" en conserva e tamén en paté e no estudo previo descubriron que era máis viable crear unha empresa comercializadora e acordar cunha conserveira xa en activo a elaboración dos novos produtos.

Empresa comercializadora tras os últimos obstáculos

O percebe xa se pode degustar en lata desde fai un par de anos envasado por unha conserveira próxima que utiliza percebes do Roncudo, nas Rías Altas, pero agora dase o paso definitivo para constituír a empresa "Mar de Silleiro" con 25 percebeiras de Baiona e outras dúas da Guarda e poñer no mercado produtos diferentes.

A propia confraría de pescadores de Baiona, na que se integra a asociación de percebeiras, reclamou á Xunta hai uns días que estudase a viabilidade de extraer o percebe "picholón" atribuíndo á nova empresa a intención de esquilmar o percebe de calidade, o fresco.

González explicou que esta nova volta de porca nas relacións entre a confraría de Pescadores e a asociación de Percebeiros,  obriga á empresa recentemente constituída a comprar percebe "picholón" ás demais confrarías e colectivos de percebeiros das Rías Baixas "pero o faremos así, presentarémonos o día 2 de novembro como empresa comercializadora e sairemos ao mercado na campaña do Nadal con mil latas de paté de percebe, outras tantas dese paté con algas, mil de percebe natural con uña e outras mil de percebe natural sen uña".

A consellería do Mar estuda o percebe "picholón"


Días antes da presentación da empresa ao sector, tres equipos de técnicos da consellería do Mar, nos que tamén está a técnica da confraría Eva Iglesiasas, recollen mostras nas tres zonas de extracción de percebe que ocupan 40 quilómetros lineais da costa entre Orelludas e Monte Ferro (nos municipios de Baiona e Oia).

Un dos equipos, integrados por dúas persoas cada un, explicou a GG que teñen o encargo de recoller mostras para determinar que características diferencian ao percebe "picholón" do outro e se isto garda relación coa medida da base do seu "capítulo" -a base da uña- cuxo tamaño legal de extracción é 15 milímetros ou máis.

Aos técnicos cónstalles a existencia deste percebe alongado en toda a costa galega, escocesa, portuguesa e marroquí pero non que se realizase antes un estudo sobre el e moito menos que existan produtos elaborados no mercado.

Paté de percebe "picholón" con subvención de Europa

O proxecto de elaborar paté e comercializar diferentes elaborados de percebe ten a súa orixe na definición de sete zonas de pesca en Galicia nas que se constituíron senllos Grupos de Acción Costeira (GAC) aos que o Fondo Europeo de Pesca destinou 40 millóns de euros para o sexenio 2007-2013, que supoñen un 61 por cento do financiamento, mentres que o resto corre a cargo de fondos do Estado e da Comunidade Autónoma, a partes iguais.

Estes fondos xa permitiron a presenza de información sobre os percebes de Baiona en feiras e restaurantes, nos que se utilizaron latas de "Percebiños", do ano 2008, para degustacións e feiras gastronómicas.

O paté de percebe que se estreará no mercado na próxima campaña do Nadal terá como obxectivo estar en tendas "gourmet" e "delicattesen" de toda España, segundo explicou Susana González.

Un día dunha percebeira de a pé

Susana e outro medio centenar de mariscadores comezou a saír esta semana ao percebe, tal como fan dúas veces ao mes, aproveitando as "mareas vivas" producidas cando a Lúa está chea ou non está (Lúa Nova), pois neses días a zona intermareal queda accesible durante máis tempo e nela é onde se crían os percebes.

Cada home e muller leva un traxe de neopreno, un pequeno saco ("saqueira") amarrado á cintura para ir introducindo rapidamente cada percebe extraído coa picada da "raspa" ou "rasqueta" (espátula con mango longo) sobre a roca. Cando a "saqueira" está chea os percebes pásanse a unha bolsa maior que colga do corpo como unha mochila ("salabardo").

Ao cabo de varias horas, cando se alcanza a cota autorizada de catro quilogramos, os percebeiros vanse retirando das rocas para ir ata a lonxa de Baiona onde pesan o contido do "salabardo", baléirano en caixas de plástico e sepárano por tamaños, descartando os minúsculos. Esta operación conta coa supervisión de persoal da consellería do Mar e vai seguida da poxa con marcador electrónico.

Comentarios