O queixo de tetilla, medalla de ouro nas 'Olimpíadas do queixo' en Dublín

Dentro da categoría de queixos con denominación de orixe, o queixo galego de tetilla da empresa Larsa resultou premiado como o mellor queixo do mundo na final do concurso internacional World Cheese Awards 2008.

O certame, coñecido popularmente como “as olimpíadas dos queixos”, ten unha tradición de 20 anos e desenvolveuse nesta ocasión en Dublín. Máis de 2.000 queixos procedentes de Reino Unido, resto de Europa, Estados Unidos, Sudáfrica e Australia, entre outros países, participaron no certame, onde o queixo de Larsa foi distinguido coa medalla de ouro.

Segundo definen desde a empresa, o produto gañador "é un queixo tenro elaborado con leite pasteurizada de vaca, callo, sal e fermentos lácticos", de acordo á regulamentación da Denominación de orixe Queixo Tetilla. Cualifican o seu sabor como "suave, láctico, acídulo e graso ao padal", conseguido tras superar un período de curación de entre dúas e tres semanas.

Comentarios