XVII Feira do queixo e do Pan de Ousá en Friol (Lugo)

A Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá converteuse nun certame plenamente consolidado entre as citas de exaltación gastronómica de Galicia, no que se mostra a gran forza produtora deste municipio. A gran aceptación do queixo, co complemento idóneo do Pan de Ousá crecen de ano en ano desde 1993.

O Queixo de Friol é enteiramente de leite de vaca. Un produto artesanal que tradicionalmente elaboraron as mulleres aldeás.

Todas as edicións foron promovidas e organizadas polo Concello, que financia o certame na súa totalidade. Un equipo de vinte persoas, baixo a coordinación do Alcalde, colaboran de xeito desinteresado na organización e na elaboración dos carteis, que constitúen o emblema de cada edición da Feira. Cada edición véndense máis ou menos unhas 20.000 pezas, cuns prezos que oscilan entre os 4 e os 6 euros.

Produtos da terra                                                                                                                    Unha característica desta Feira é que non se admite ningún produto de fóra do municipio. Cada produtora dispón dunha identificación que indica a parroquia e lugar de procedencia, sempre pertencente ao concello de Friol.

Reduciuse o número de produtores, debido á adaptación á normativa, pero a produción foi sempre en aumento, o que demostra a puxanza e modernización dun sector económico artesanal, apoiado na calidade e tradición deste singular produto gastronómico.

Comentarios