O queixo e a castaña son os protagonistas en Monterroso

Quesos y castañas en la feria de Monterroso. Fotos: XESÚS PONTE + SEBAS SENANDE
photo_camera Quesos y castañas en la feria de Monterroso. Fotos: XESÚS PONTE + SEBAS SENANDE

MONTERROSO acolle ata o domingo a vixésimo terceira Feira Agroalimentaria do Queixo e as Castañas na Ulloa, unha cita que serve de preludio á Feira de Santos e que este ano tratará de promocionar un dos produtos autóctonos con máis sona, a castaña.

Esta tradicional cita comezou onte cunha cata didáctica de queixo da DOP Arzúa-Ulloa no colexio público de Monterroso destinada ao alumnado de sexto de Educación Primaria. Hoxe continuará con outra cata divulgativa no IES Monterroso. Mañá será a quenda do consurso de tapas e petiscos Pasatapas 2014.

O certame correrá a cargo do Consello Regulador DOP Arzúa-Ulloa coa colaboración do Concello de Monterroso e desenvolverase nos bares e restaurantes da vila, con premios para as mellores tapas e petiscos e recoñecementos para o establecemento coa tapa máis valorada na ficha da cata, ademais de diplomas para o segundo e o terceiro clasificado.

Os bares e restaurantes da vila entregarán, así mesmo, un premio de 300 euros para o grupo máis dinamizador e de 100 euros para a persoa que máis tapas consuma.

As charangas Os Amigos de Visantoña e Ardores de Lalín serán as encargadas de amenizar o concurso, durante o cal tamén se poderán escoitar cantos de taberna polos locais hostaleiros de Monterroso.

O domingo será o día grande da feira, que abrirá ao público ás 10.00 horas. Pouco despois repartiranse castañas asadas entre o público asistente e haberá unha degustación de pinchos de queixo e tapas de empanada e pan de castañas.

Rubén Ríos e Flavio Morganti serán quen se encarguen este ano de pronunciar o pregón. O primeiro é actor e produtor de cine e televisión, ademais dun grande amante da terra e dos seus produtos, sobre todo da castaña, un froito no que basou o documental ‘O camiño de Santiago: a orixe na terra das castañas’. O outro pregoeiro é xefe de cociña no restaurante Galileo de Pereiro de Aguiar (Ourense), donde este italiano realiza unha cociña a base de produtos locais.

A entrega de premios do concurso de tapas e dúas actuacións da banda municipal de A Golada servirán de peche a unha feira que segundo o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia que preside Jesús Quintá García permite promover «a magnífica maridaxe entre o queixo e a castaña, que engrandecerá, aínda máis se cabe esta tradicional cita festiva».

Pola súa banda, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa -presidido por Xosé Luis Carreira Valín- incide no obxectivo de «seguir divulgando o noso queixo entre os veciños e os milleiros de persoas que se achegan sempre a Monterroso», co gallo da tradicional Feira do Queixo da Ulloa. un escaparate dos produtos locais «que ao longo dos tempos pasou por moitas vicisitudes que con esforzo e paciencia soubo superar grazas á dedicación dos concellos e de todos os cidadáns da nosa comarca», segundo indicou o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas.

PROGRAMA
Hoxe
Cata didáctica de queixo da DOP Arzúa ulloa no IES Monterroso, a cargo do Consello Regulador e dirixida ao alumnado de 4º de ESO.
Sábado 25
Pasatapas 2014. Concurso de tapas e pinchos elaborados con queixo da DOP Arzúa Ulloa, polos bares e restaurantes da vila. Haberá premios para as tapas e pinchos mellor valorados polo xurado do Consello Regulador do Queixo da DOP Arzúa-Ulloa, no que tamén estáintegrado un representante do Concello de Monterroso.
Domingo 26
10.00. Apertura da feira.
10.30. Reparto de castañas asadas entre todos os visitantes, degustación de pinchos de queixo, tapas de empanada de castañas e pan de castañas.
12.00. Recepción de autoridades na casa do concello e percorrido polo recinto feiral.
13.00. Pregón de Rubén Ríos, actor e produtor, e Flavio Morganti, xefe de cociña do restaurante Galileo en Pereiro de Aguiar.
13.25. Entrega de premios do concurso de tapas.
13.30. Concerto da banda municipal de A Golada.
17.00. Novo concerto da banda municipal de A Golada.

Comentarios