Un viño Ribeiro de 2008, única medalla de ouro galega en Inglaterra.

O concurso de viños de todo o mundo, convocado cada ano pola revista británica "Decanter" desde 2004, saldouse con varios premios e mencións para viños galegos de, polo menos, as Denominacións de Orixe (DO) Ribeiro e Monterrei entre eles a medalla de Ouro para o Ribeiro "Casal de Armán" de 2008.

Segundo o adegueiro premiado Javier González, o xurado do concurso "Decanter" debeu valorar no seu viño premiado o resultado dun traballo iniciado na adega Casal de Armán para conseguir "viños con máis durabilidad no tempo" a base "de sacrificar aromas" pero obtendo a cambio "unha sensación en boca máis persistente".

Nese sentido, explicou que o viño premiado está elaborado nun 80 por cento coa uva autóctona "treixadura" "cuxa máxima expresión comeza a facerse patente tras 8 ó 9 meses embotellado".

O galardón dourado é pois, para González, un premio a esa procura de viños "novos que seguen crecendo unha vez embotellados" e se dá a circunstancia de que é a primeira vez que se presentan ao certame inglés.

Outros galardóns que se deron a coñecer hoxe foron unha medalla de Prata para o tamén Ribeiro "Lagar do Meréns" de 2008 e medallas de Bronce para o viño "Pazos do Rei" do D.O. Monterrei e para os Ribeiros "Beade Primacía" 2009, "Abadía de Gomariz 2007", "Mentini&Mentini 2009", "Casanova 2009" e "Viña Mein 2008".

Tamén é galego o viño que obtivo o galardón "Trofeo Rexional" para os viños do norte de España e trátase de "Gomariz 2008", da D.O. Ribeiro.

O resto dos premios en Ribeiro e Monterrei foron cinco mencións de honra para outros tantos viños, entre eles o "Sanclodio 2008" da adega cuxo propietario é o cineasta José Luís Cuerda, o "Viña Costeira 2009" da cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e o Monterrei "Alma de Branco" de Pazo "das Tapias".

As outras tres D.O. galegas non teñen aínda información sobre posibles premios obtidos polas adegas acollidas nos respectivos consellos reguladores no certame "Decanter 2010".

Comentarios