Un panadeiro de terceira xeración aposta polo pan ecolóxico

O Consello Regulador da Alimentación Ecolóxica de Galicia (Craega) no seu último informe, referido a 2009, inclúe dúas únicas panificadoras galegas certificadas que produciron 68.209 quilogramos de pan ecolóxico que supuxeron un volume de negocio de 144.344 euros.

Unha parte dese negocio corresponde á panadería de Eladio Pazos, que conta cun obrador e dous despachos de venda na praza de abastos de Compostela e un total de catro traballadores, cunha produción anual é dun 25 por cento de pan ecolóxico, en diferentes versións, e o resto pan tradicional, segundo explicou Pazos a GG.

"Empecei hai catro anos co pan ecolóxico para especializarme, ofrecer algo diferente dos demais panadeiros e por curiosidade" agregou, e todo iso foi o inicio dos contactos que lle levaron a buscar materias primas certificadas como ecolóxicas, en Italia, Holanda e Albacete.

Pazos está ó día da procura dun trigo galego que está en fase experimental e xa ten unha proposta do Craega para utilizalo cando estea certificado como ecolóxico.

Bríndase a todo tipo de experimentos, segundo explicou, como o encargo dun restaurante de Santiago de Compostela para elaborar pan de ourego

"Fixémolo, igual que facemos pan tradicional de millo, de algas, de tomate, ou ecolóxico con fariña de kamut, rescatada das pirámides de Exipto, ou con avea e cebada de Holanda, con garantía europea de que as fariñas proceden de cereais non manipulados xeneticamente".

Dixo estar convencido de que esta variedade e especialización "é máis rendible" nos tempos actuais pois "o consumo recortouse por mor da crise, pero con produtos diferentes, atractivos e de calidade podes remontar pois os clientes senten atraídos por eles".

Cun pasado iniciado en 1947 pola súa avoa e tras a conversión para elaborar pan ecolóxico, a panadería de Pazos xa ten novos proxectos entre os que se atopan o pan de millo ecolóxico -pendente de certificación do Craega- e a ampliación das instalacións do obrador e do almacén de materia prima ecolóxica.

Comentarios