Empresas galegas crean unha ferramenta de control electrónico para os viñedos

Un grupo de empresas galegas de enxeñería, lideradas polo grupo Austen, desenvolverán unha ferramenta de control electrónico (Simovi) para os viñedos, que permitirá mellorar a xestión do proceso con información sobre a uva e outros parámetros.

O proxecto conta cunha subvención dun millón de euros dos fondos Feder que lles foi concedida a través do programa europeo Interconecta, que cobre o 50% do custo estimado.

O proxecto, segundo indica Felipe Sas, xerente da firma, aspira a desenvolver "unha nova solución tecnolóxica de monitorización de viñedos para unha mellor xestión do proceso vitícola".

Permitirá seleccionar a uva no momento óptimo, tomando como referencia distintos parámetros, que serán rexistrados por cámaras similares ás dos móbiles e cuxa información se procesará con ferramentas informáticas.

Atende, ademais, a outros relacionados coa saúde do viñedo (pragas, brotes..) para indicar o momento máis adecuado para fumigar, por exemplo.

Trátase dun proxecto pioneiro en todo o mundo e que podería aplicarse en distintos campos e cultivos, destaca Austen nunha nota.

Xunto a Felipe Sas traballan outros dous enxeñeiros: Alejandro Casteleiro e Manuel Amejeiras. A súa idea para monitorizar as vides foi seleccionada na convocatoria de axudas europeas Interconecta.

Desenvolver o dispositivo (Simovi) levaralles, aproximadamente dous anos e terá un custo duns dous millóns de euros. Unha subvención dun millón de euros con fondos Feder asegúralles o 50 por cento do investimento que necesaria.

Ademais do grupo Austen, asentado no polígono naronés de Río do Pozo, hai outras firmas galegas embarcadas neste proxecto como Avansig, Egatel, Eltor Electrónica ou Saec.

Na iniciativa, explica o grupo nunha nota, participan os centros tecnolóxicos Aimen e Gradiant, así como a misión biolóxica do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas).

A ferramenta probarase en dúas adegas galegas das Rías Baixas, Pazo de Señoráns, en Meis, e Adegas de Coto Redondo, en Rubiós, As Neves.

Comentarios