Feiraco, premio europeo á innovación cooperativa

Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega, foi galardoada co premio europeo á innovación cooperativa na categoría de Procesos alimentarios pola Confederación Xeral das Cooperativas Agrarias da Unión Europea (Cogeca). Unha distinción que premia o nivel de innovación e o potencial de transferibilidad dun proxecto que serve de modelo á hora de incrementar a competitividade das cooperativas europeas. Ademais de recoñecer o desenvolvemento e a mellora dos procesos de produción alimentarios ambientalmente sostibles así como o desenvolvemento de produtos que, achegando valor engadido á produción primaria, contribúen á alimentación e o benestar animal e humano.

O presidente de Feiraco, José Antonio Casais, e o director xeral da cooperativa, José Luís Antuña, acudiron a Bruxelas para recoller persoalmente esta distinción nunha cerimonia extraordinaria organizada con motivo da celebración do 50 aniversario de Cogeca.

Feiraco convértese así na primeira cooperativa en recibir unha distinción de tal natureza, sendo esta a primeira edición dun premio que non se volverá a entregar ata dentro de dous anos, en 2011, e a partir de entón, cada tres. Trátase dun recoñecemento europeo que premia a aposta da cooperativa pola investigación, o desenvolvemento e a innovación dos procesos alimentarios naturais como vía para incrementar a súa produtividade e exclusividade empresarial fronte ás outras marcas do mercado. A confederación europea, ao dar a coñecer os motivos do galardón, aludiu ao enfoque innovador da cooperativa á hora de tratar os alimentos empregados para obter o leite. Un método diferente e natural que posibilitou a comercialización do novo leite UNICLA.


Unicla: innovación a partir da alimentación animal

A cooperativa Feiraco lanzou o pasado verán o novo leite cardiosaludable, Unicla, recomendada pola Fundación Española do Corazón, que constituíu un verdadeiro fito de innovación no sector lácteo. Por primeira vez obtense, mediante a alimentación natural e saudable das vacas, leite con graxas moito máis insaturadas: que duplica o contido de ácido oleico e multiplica por 4 o de omega 3 e CLA. Entre outras importantes propiedades saudables cabe destacar a excelente relación omega3/omega6.

Un proxecto innovador que contempla a alimentación animal con sementes de liño como factor determinante para a produción de leite  saudable. Para iso reprodúcese o sistema tradicional de alimentación do gando, alargando o perfil de nutrientes da herba verde da primavera ao longo de todo o ano. Esta alimentación achega unha gran mellora ao benestar animal e, en consecuencia, as vacas producen leite con nutrientes máis adecuados ás nosas necesidades.

Comentarios