Feridos dous ciclistas en Malpica e O Corgo

Ambos os sucesos producíronse por caídas

Dous ciclistas resultaron feridos este sábado en Malpica e O Corgo tras caerse das súas bicicletas. No primeiro caso, a vítima tivo que ser evacuada en helicóptero a un centro hospitalario.

En concreto, foi un compañeiro do deportista o que contactou co 112 Galicia ás 16.50 horas. Explicou que o seu amigo se caeu da bicicleta mentres facían a ruta dos Pinos no Mar.

En consecuencia, o persoal do Centro Integrados de Atención ás Emerxencias alertou de inmediato ao 061. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, desde a central de urxencias informouse ao GES de Ponteceso, a Protección Civil e á Policía Local.

No suceso acaecido no Corgo, un ciclista resultou ferido tras sufrir unha caída coa bicicleta. Os feitos tiveron lugar no quilómetro 10 da LU-546.

En concreto, o 112 Galicia tivo coñecemento do accidente minutos antes das 14.00 horas a través dun aviso do 061-Urxencias Sanitarias. Acto seguido, desde o CIAE do 112 alertouse aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil de Tráfico.

Comentarios