Furanchos con sentidiño

Entrada de un furancho o 'loureiro' (Foto: Diario de Pontevedra)
photo_camera Entrada de un furancho o 'loureiro' (Foto: Diario de Pontevedra)

O director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois González, adiantou hoxe que o Goberno galego "acordará" con cada concello os meses de apertura dos furanchos, aínda que insistiu en que este tipo de establecementos hostaleiros estarán abertos un máximo de dous meses ao ano, ao tratarse dun negocio de tempada similar ao "dun chiringuito da praia".

Na súa comparecencia hoxe na comisión de industria do Parlamento, Rubén Lois recordou que o decreto que regula o funcionamento legal dos furanchos entrará en vigor o próximo 2 de outubro --tres meses logo da súa aprobación--, aínda que a Consellería de Innovación aprobará "nas próximas semanas" a orde que desenvolve este decreto, e na que se establecen os requisitos para poder outorgar as correspondentes autorizacións.

O director xeral de Turismo insistiu en que toda a normativa pretende garantir o correcto funcionamento destes establecementos, predominantes na provincia de Pontevedra e na comarca de Betanzos, e que permiten sacar ao mercado os excedentes de produción vitivinícola das adegas.

Sobre isto, Rubén Lois asegurou que os requisitos para outorgar as autorizacións serán "o máis sinxelos e simples posibles", aínda que recordou que o decreto obriga a cumprir "unha regulamentación mínima" en aspectos como a saúde pública ou as condicións do local. Así, referiuse á obriga de respectar as normas de manipulación de alimentos, ou de contar cunha ventilación mínima en cada local.

En canto ao período de apertura, o director xeral explicou que os meses nos que funcionan estes furanchos varían en cada concello en función da vendima, polo que a Xunta aposta por "territorializar" estes meses segundo o costume de cada concello, indicou en resposta a unha pregunta da deputada do PPdeG Amparo González.

Terminar con establecementos 'ilegais'
Con esta norma, Lois aposta por terminar con aqueles establecementos "ilegais ou alegais" que funcionan como furanchos, e que en realidade non o son. Así, referiuse a locais que funcionan durante todo o ano, que ofrecen "comidas de empresas e banquetes" e que ata chegan a vender "viños de Zamora ou de Estremadura". "É un problema moi grave" no que os clientes poden chegar a estar expostos a "curtocircuítos ou intoxicacións alimentarias", advertiu.

Pola súa banda, Amparo González reclamou que a Xunta manteña un maior diálogo cos colectivos afectados, de modo que evite crear "falsas expectativas" respecto dunha posible flexibilización das normas. "Por agora non houbo nada de nada", lamentou a deputada do PPdeG, quen recordou que o número de furanchos existente en Galicia alcanza os 1.200 segundo as cifras do sector hostaleiro, aínda que a Consellería de Innovación rebaixa esta cifra a 800 adegas que estarían en disposición de adaptarse á norma.

Comentarios