Galicia, o dobre de ecolóxica

Un puñado de patatas ecológicas
photo_camera Un puñado de patatas ecológicas

Galicia é a quinta comunidade autónoma española na que máis aumentou o número de empresas dedicadas á produción de agricultura ecolóxica desde comezos da década. Así, se no ano 2001 eran 217 as empresas acreditadas, esta cifra alcanza os 500 produtores rexistrados no primeiro semestre do 2008.

No resto de España, as autonomías cunha maior subida son Asturias, Castela-A Mancha e as illas, tanto Baleares como Canarias. No lado contrario sitúanse Estremadura e Navarra, que destacan como as comunidades nas que descendeu o número de empresas dedicadas á agricultura e á gandeiría ecolóxicas. O caso estremeño é o máis rechamante, xa que practicamente dividiuse entre dous o número de produtores rexistrados (pasando de 7.145 a 3.747 en sete anos).

Volvendo a Galicia, a subida é especialmente salientable se se ten en conta que ata se rexistraron casos de empresas dedicadas á agricultura e gandería convencionais que se acabaron pasando á produción ecolóxica. Polo que respecta á facturación, as cifras de negocio do pasado ano (segundo os cómputos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, Craega) situáronse ao redor dos 9,6 millóns de euros.

Por produtos, o sector lácteo segue sendo o maioritario, seguido pola carne ecolóxica, os ovos, as froitas (como a mazá ou os kiwis) e as hortalizas.

Comedores escolares
A promoción dos produtos cultivados, recollidos ou producidos dacordo ás normas de agricultura ecolóxica está a aumentar a través de campañas promocionais desenvolvidas desde o consello regulador. Entre outras accións, está previsto retomar a campaña "Comer san: Eco-lóxico", coa que estiveron xa presentes en catro centros escolares de Galicia durante o pasado curso, estendéndoa e introducindo menús ecolóxicos en centros educativos de toda Galicia.

Ademais, tamén levarán a cabo campañas difusoras nos puntos de venda de máis superficies comerciais, co obxectivo de mellorar a comercialización.

Estudo
Os alimentos ecolóxicos son produtos nos que non se utilizou ningún tipo de produto químico de síntese para elaboralos. Con este punto de partida, o profesor da Universidade de Newcastle Carlo Leifert, coordinador do maior estudo realizado na área, sinalou nunha conferencia que os alimentos ecolóxicos conteñen máis antioxidantes, minerais e vitaminas que os convencionais.

Comentarios