A Galicia non lle gusta abusar do aperitivo

A Asociación de Fabricantes de Aperitivos (AFAP) realizou un estudo no que se reflicte que os galegos realizan un "consumo moderado" de aperitivos, un dato avalado pola frecuencia de consumo, preto de tres veces á semana.

A asociación impulsou un estudo para coñecer os hábitos e actitudes do consumidor ante os produtos de aperitivo, entre os que se atopan algúns como as patacas fritidas, produtos de aperitivo a base de cereais, os froitos secos, sementes como as pipas de girasol ou de cabaza, e as froitas desecadas. Así, o estudo realizado sobre unha mostra de máis de 600 persoas en Galicia, evidencia un comportamento homoxéneo por parte do consumidor galego, que realiza o consumo de aperitivos maioritariamente en casa, informa a AFAP nun comunicado.

O aperitivo estrela elixido polos galegos son as patacas fritas, consumidas por un 47 % dos enquisados, seguidas dos froitos secos, cun 39 % de consumidores. Doutra banda, o momento preferido para consumir este tipo de produtos é a tarde, e é que un 80 % dos galegos enquisados prefiren este momento do día como momento de consumo habitual.

Neste sentido o estudo define os produtos de aperitivo como "vehículo de sociabilización" vinculado a momentos de convivencia e lecer, xa que o 78 % dos consumidores dixo realizar este consumo en compañía de familiares ou amigos. Ademais, do informe obtense que a poboación galega considera os aperitivos un "tentempé idóneo" e manifesta que comer aperitivos ocasionalmente está perfectamente integrado nunha dieta sa e equilibrada.

Comentarios