Leite cento por cento galego no Día das Letras Galegas

Os supermercados dunha cadea galega están a abastecerse dos seis formatos do novo leite "Deleite Galego", recollida e envasada pola empresa Alimentos Lácteos de Outeiro de Rei (Lugo) nas instalacións alugadas á empresa Leite Pascual.

Casas explicou a GG que 2.300 familias, que serán máis en breve, abastecen de leite cada día á planta de Outeiro de Rei onde 76 persoas traballan no envasado de leite enteiro normal, enteiro enriquecido con Calcio, ademais de desnatada e semidesnatada normais e con Calcio, cuxos prezos en supermercado irán desde 0,70 euros a 0,90 por litro.

Tras a estrea de Deleite "Galego" e Alimentos Lácteos no mercado galego, a presenza ampliarase a outras cadeas de supermercados, ademais de restaurantes e bares de toda Galicia que xa o ofrecen, e dunha cadea comercial madrileña.

O xerente aludiu a unha "corrente de simpatía" cara á nova marca de leite cento por cento galego "pois conseguimos transmitir o noso obxectivo prioritario de defender os intereses dos gandeiros galegos e reivindicar os produtos do noso campo", o que se suma ao feito de que o seu sabor e calidade xa son referente, engadiu.

A nova empresa de Lugo comezou a envasar leite o día 22 de abril a razón de 150.000 litros diarios.

Os seguintes retos, segundo fontes da empresa, serán obter o certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e envasar todos os tipos de leite reclamados polos consumidores que inclúen os enriquecidos e outras melloras nas que se comezará a traballar a finais de maio.

Comentarios