Feridas catro persoas en dous accidentes en Ordes e Padrón

Na localidade ordense o suceso produciuse cando unha condutora se saíu da vía e impactou contra un farol

Unha muller resultou ferida este mércores ao saírse da vía co vehículo que conducía no municipio coruñés de Ordes, informou o 112.

No momento de producirse o accidente, a muller circulaba ao redor do punto quilométrico 34.400 da N-550, na entrada da localidade citada.

Un particular foi quen, sobre as 23:30 horas da noite, alertou ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia (CIAE).

Asegurou nesa comunicación que a condutora non estaba atrapada pero si necesitaba asistencia sanitaria.

Así, enseguida, desde o CIAE requiriuse a intervención do persoal sanitario e informouse aos axentes de Tráfico e aos membros do parque comarcal e de Protección Civil de Ordes.

Unha vez no punto, os Bombeiros indicaron que o coche, tras saírse da vía, chocara contra un farol de iluminación pública.

Por este motivo, os profesionais do 112 Galicia deron conta do sucedido ao persoal do Concello e desde alí encargáronse de contactar coa empresa subministradora de electricidade para a interrupción da subministración eléctrica e para poder proceder así á retirada do vehículo.

A muller foi trasladada polo persoal sanitario do 061-Urxencias Sanitarias ata o centro hospitalario de referencia.

PADRÓN. Soamente unhas horas antes deste suceso, sobre as 20:15 horas tamén do mércores, técnicos do 061 informaban ao CIAE dun accidente de tráfico con tres persoas feridas en Padrón, concretamente, na Picaraña, en Cruces.

A partir de aí, os profesionais do 112 Galicia pasaron o aviso aos axentes de Tráfico, Policía Local, e aos efectivos do GES e de Protección Civil de Padrón.

Comentarios