Innovación na mesa

Acto de clausura con pinchos, en el antiguo colegio de Palmeiro (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)
photo_camera Acto de clausura con pinchos, en el antiguo colegio de Palmeiro (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)

Un grupo de 20 mulleres de Xove pertencentes á asociación Bolboretas da localidade participou nun curso de cociña durante os últimos catro luns. A actividade, que demandaron as propias socias, obtivo unha boa resposta, polo que a directiva, que preside Ángeles García Pires, xa pensa en repetir a experiencia.

A cociñeira encargada de impartir o curso foi Nuria Moirón Fernández, xerente e cociñeira do restaurante O Rincón de Nuria, situado na urbanización de Palmeiro. A proximidade do negocio e coñecer o traballo que desenvolve esta profesional foi o que decantou a elección da profesora.

A intención era facer algo diferente e tamén que fose saudable e con pouca graxa. O resultado satisfixo ás participantes, «cociña moderna dentro do tradicional», comenta García Pires, quen explica que a profesora calculaba a cantidade de produto «para que todas puidésemos probar e coñecer o sabor». Ademais, as participante achegaron ideas e a actividade resultou moi amena.

As asistentes prepararon en cada xornada, entre as 16.30 e as 19.00 horas, un prato principal e unha sobremesa. Tras a demostración houbo tempo para a degustación, polo que as alumnas ademais de aprender a preparar exquisitos pratos tamén puideron saborealos. Entre os menús elaborados figuran as zamburiñas gratinadas ou o lombo ao whisky, sen esquecer sobremesas como o petite suisse ou a torta de noz. As alumnas aprenderon así mesmo a sacarlle partido á manga pasteleira para a decoración de tortas con chocolate, entre outros.

Unha das vantaxes é contar cun local equipado como é a cociña do antigo colexio, cedida polo Concello de Xove, que conta con forno e espazo suficiente para acoller a todas as asistentes a esta actividade. As alumnas quedaron moi contentas coa actividade, que reuniu a mulleres de entre 20 ata 60 anos de idade. A concelleira de servizos sociais, Ana Abad, e de cultura, Dores Meitín, acudiron á entrega de diplomas, que contou cuns petiscos.

Comentarios