Os comerciantes do Vicedo organizan unhas xornadas gastronómicas para Entroido

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) do Vicedo, de recente constitución, organiza para este mes as súas primeiras actividades, coincidindo co Entroido, que serán o sorteo dunha cesta e unhas xornadas gastronómicas en negocios da hostalería local.

O colectivo que preside María Regina Lamelas Cobelo, que nada máis botar a andar ten xa 35 establecementos asociados, repartirá rifas para participar no sorteo da cesta con produtos típicos da época, que será o sábado 18. Os números do gañador coincidirán cos do premio da Lotería Nacional desa xornada. A presidenta explica que se trata dunha cesta moi completa, pois leva "cachucha, butelo, androlla, costela, soá, lacón, grelos, unha panceta enteira e tamén unhas botellas de viño". Engade que se en cinco días non aparece o gañador, a cesta entregarase á papeleta que coincida co segundo premio.

Doutra banda, os bares e restaurantes accederon a organizar unhas xornadas gastronómicas, tamén co Entroido como protagonista. Serán o mesmo fin de semana do sorteo, o sábado 18 e o domingo 19 de febreiro, e consistirán en que os negocios adheridos ofrecerán aos seus clientes unha ración de cocido por dous euros, acompañada por sobremesas típicas da época de forma gratuíta. "Tivemos unha reunión cos hostaleiros e vanse a facer estas xornadas, cun prezo simbólico que apenas dá para o gasto, pero aquí estes locais traballan moitísimo o petisco e seguro que resulta boa a iniciativa», di a presidenta.

Nestas primeiras xornadas gastronómicas da Acia vicedense participan o hostal Don Manuel, o café-bar San Esteban, o café-bar Santo Domingo, a cafetería Praza, o mesón O Remo, o restaurante Os Cruces e A Bodeguita, na capitalidade municipal, ademais do restaurante Areagrande situado na praia de San Román.

María Regina Lamelas Cobelo móstrase moi contenta por este bo inicio da asociación e apunta que os socios e veciños "están moi motivados", xa que nunca antes houbo un colectivo de comerciantes no Vicedo. Ganas de facer cousas non lles faltan, e xa teñen en mente ideas para Semana Santa e o Día da Nai, aínda que haberá que esperar para coñecelas.

Comentarios