A Audiencia Provincial da Coruña emite o seu primeiro fallo contra as cláusulas solo

A Audiencia Provincial da Coruña publicou unha sentenza, datada o 12 de xaneiro de 2017, na que emite o seu primeiro fallo contra unha entidade bancaria por motivo das cláusulas solo nos contratos hipotecarios, despois de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditase a xurisprudencia neste asunto.

Así pois, o Banco Popular deberá restituír á demandante as cantidades cobradas de máis pola aplicación desta cláusula desde a firma do contrato e non desde a anterior sentenza do Tribunal Supremo en maio de 2013. "Sen prexuízo -aclaran os maxistrados- da redución do diferencial que eventualmente sexa aplicada en cada anualidade conforme ao contrato".

O ditame da Audiencia Provincial considera igualmente nulas e abusivas outras cláusulas deste contrato hipotecario, polo que condena ao Banco Popular a non aplicar as previsións de vencemento anticipado do préstamo en caso de incendio, expropiación, embargo ou infracción dalgún dos pactos establecidos na escritura.

Comentarios