A campaña de 'Galicia Calidade en ruta' chega a Ferrol

A campaña 'Galicia Calidade en ruta', unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria que pretende promocionar os produtos autóctonos máis selectos, chegou hoxe en Ferrol, e fíxoo con demostracións e talleres que achegan a profesionais e clientes á excelencia gastronómica galega.
 
Esta ruta promocional de Industria, que desde o pasado 28 foi polas grandes cidades de Galicia, aparcou hoxe o seu camión na céntrica praza de España de Ferrol, xunto ás oficinas da Administración e porta de entrada a esta cidade.
 
Afonso Cabaleiro, director xerente de Galicia Calidade, defendeu a marca como "o mellor pasaporte das empresas galegas" e o camiño máis apropiado para acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, co aval dunha marca que representa "o compromiso das empresas galegas cos mellores produtos e servizos" ao longo de todo o sistema de produción, desde a súa elaboración ata a comercialización final.
 
O camión viaxará esta fin de semana (19 e 20 de decembro) ata a cidade da Coruña, onde porá o punto e final ao periplo que iniciou hai case un mes en Santiago de Compostela. Neste tempo, pasou por Ourense, Pontevedra, Lugo, Cambados e Vigo.
 
As accións están enfocadas a profesionais do sector da hostalería e a gastronomía, para "pór en valor os produtos certificados", que son uns 300 e de 51 empresas diferentes. Ademais de demostracións de cociña a bordo, no seu interior tamén se realizan catas de viños e degustacións de produtos amparados pola marca Galicia Calidade.

Comentarios