A Denominación de Orixe Monterrei confirma a súa mellor vendima

do_monterrei.jpg
photo_camera do_monterrei.jpg

A vendima na Denominación de Orixe Monterrei acaba de cruzar o ecuador, levando a finais de setembro máis de 850.000 Kgs. de uva cultivada sendo un 90 % desta uva correspondente ás variedades brancas (Godello, Treixadura, Dona Branca, Albariño, Loureira, Caiño Branco e Branca de Monterrei) e un 10 % ás uvas tintas (Mencia, Arauca, Bastardo,  Sousón e Caiño Tinto).

Actualmente das 25  adegas amparadas pola Denominación de Orixe, 4 xa finalizaron os labores de recolección mentres que o resto atópanse en plenas tarefas de vendima e posterior elaboración.

Os cálculos do Consello Regulador  fan prever que durante a primeira quincena de outubro remate a vendima 2009 coa recolección dos 1.650.000 kg. de uva prevista para este ano, 300.000 kg. máis con respecto ao ano anterior o que supón un incremento do 22,2 %. Todas as análises realizadas ás uvas confirman outro ano máis unha excelente vendima tanto en cantidade  como en calidade fitosanitaria e en equilibrio alcol-acidez.

Esta traxectoria durante os últimos anos da  máis nova das denominacións vitivinícolas galegas viuse recompensada polos  premios e recoñecementos recibidos tanto a nivel nacional como internacional destacando os galardóns obtidos durante os últimos anos nas Catas dos viños de Galicia organizadas pola Consellería de Medio Rural e nas que o D.O. Monterrei resultou triunfadora, sendo  señalable tamén a Medalla de Ouro que, no  Concurso Internacional do Viño Mundus Vini 2009 celebrado en Alemaña acaba de obter o viño “Quinta das Tapias Treixadura 2008”, pertencente á adega  Tapias Mariñán, amparada polo D.O. Monterrei.

Desde o Consello Regulador quérense recordar as palabras do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo  durante a celebración da IV Feira do Viño de que  non dubidou en destacar as boas condicións que presenta Monterrei para o cultivo dos viños, baseándose tanto nas “condicións climáticas dunha comarca comparables ás da Rioxa”, como no “bo facer de adegueiros e viticultores que contan ademais cun carácter innovador e imaxinativo”. Así mesmo e en base a estas garantías o rexedor galego manifestou o seu convencemento de que a comarca se atopa plenamente capacitada para competir nun mercado cada vez máis universal.

Comentarios