A D.O. Monterrei será a protagonista o luns no IV Salón dos Viños e Augardentes de Galicia

Imagen de archivo de una cata de la D.O. Monterrei (Galicia Gastronómica)
photo_camera Imagen de archivo de una cata de la D.O. Monterrei (Galicia Gastronómica)

A Denominación de Orixe (D.O.) Monterrei será o vindeiro luns día 4 de agosto a protagonista do IV Salón dos Viños e Augardentes de Galicia, que se celebrará no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

A xornada contará, entre outras actividades, coa presentación, ás oito da tarde, da III Feira do Viño do D.O. Monterrei, que se celebrará o 9 e o 10 de agosto na Praza Maior de Verín.

Tamén incluirá unha cata dirixida por José Manuel Fernández, secretario do Consello Regulador. Posteriormente, terá lugar o acto de entrega do Premio da Asociación de Empresarios de Hostalería da provincia da Coruña ao restaurante con mellor carta de viños da denominación ourensá.

A maior parte dos viños da D.O. Monterrei son brancos, pero tamén produce un abano de tintos excelentes, algún dos cales recibiron importantes premios nacionais e internacionais.

Os brancos están elaborados coas variedades Godello e Treixadura. Combinan os sabores florais e afrutados dos viños de Galicia co maior corpo e contido alcohólico dos caldos do centro, debido á súa especial situación xeográfica.

Así mesmo elabóranse na D.O. viños brancos frescos e lixeiros coa variedade de uva Dona Branca.

Tintos
Os tintos son novos e a maioría obtéñense a partir das variedades Mencía e Arauxa (Tempranillo), aínda que tamén se está empregando de forma experimental a uva Merenzao. Minoritariamente, elabóranse viños envellecidos en barrica, cuxo resultado, dacordo coa denominación, está a ser moi satisfactorio.

A colleita do 2007 foi cualificada como 'moi boa' por un panel de expertos catadores, sendo tamén esta Denominación de Orixe a gran triunfadora da Cata dos Viños de Galicia, celebrada recentemente en Monforte de Lemos.

Comentarios