A Feira do Butelo pechou con máis de dez mil quilos vendidos

A décimo terceira edición da Feira do Butelo da Fonsagrada, que se desenvolveu durante o fin de semana, pechou este domingo ao público tras dúas xornadas de gran afluencia de compradores, que adquiriron máis de dez mil quilos deste embutido típico da Montaña lucense e outros derivados do porco.

O alcalde, o socialista Argelio Fernández Queipo, estimaba que este ano se vendeu un dez por cento máis que na edición anterior. A última hora as existencias estaban practicamente esgotadas. O abarrote de persoas que se viviu na Fonsagrada superou ao de edicións anteriores desta mostra, coa que se abre a tempada deste tipo de citas para a exaltación de alimentos autóctonos na provincia de Lugo.

Moitos dos visitantes eran dos municipios limítrofes, pero á Fonsagrada chegaron este domingo familias enteiras doutros puntos da provincia, como A Mariña, e doutras localidades galegas, como Ferrol, para pasar un día descanso e proverse de produtos do porco.

O museo etnográfico da localidade rexistrou este domingo un dos días de máis visitantes do ano. A carpa de grandes dimensións, que o Concello instalou nas inmediacións do museo etnográfico da localidade, rexistrou público xa desde a súa apertura, ás dez, e o número de visitantes foise incrementando á vez que pasaba a mañá. Os postos estiveron abertos ata as sete da tarde, con igual afluencia de público..

De 9 a 17 euros
Os prezos oscilaban entre os nove euros, dun butelo feito en tripa, aos dezasete, dun de porco celta. Os realizados con estómago custaban ao redor dos once euros. En canto aos chourizos, habíaos desde oito euros o quilo, pero neste produto o prezo dependía fundamentalmente da calidade.

Este sector produtivo parece non verse afectado pola crise económica xeneralizada. De feito, este ano aumentou en dous o número de produtores de butelo que asistiron ao evento, pasando dos cinco do ano pasado a sete. Aínda que é un produto que se comercializa fundamentalmente en Galicia tamén ten mercado noutros puntos de España, especialmente en zonas como o País Vasco ou Cataluña, cunha forte presenza de emigrantes da Montaña lucense.

O alcalde da Fonsagrada mostrábase este domingo ''moi satisfeito'' do resultado da feira, destacando o gran atractivo de produtos como o butelo e, sobre todo, o incremento das vendas a pesar da crise. ''A nosa intención é a de seguir potenciando os produtos autóctonos e o sector primario'', asegurou.

Comentarios