A frescura da cociña mariñeira


Generoso Maseda, restaurante A Lonxa (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)
Generoso Maseda, propietario do restaurante A Lonxa (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)

Para coñecer os peixes é conveniente visitar de cando en vez a cátedra dos portos e as lonxas, onde sempre se reciben fundamentadas leccións. Do mesmo xeito, se queremos gozar os produtos do mar en todo o seu frescor e sabor, nada mellor que visitar o restaurante A Lonxa, en Burela. Este establecemento, situado na primeira planta do novo edificio de Armadores de Burela (Absa), ten unha aparencia normal, de cafetería deseñada para atender aos mariñeiros e traballadores portuarios. Baixo esa sinxela fachada escóndese un verdadeiro templo da cociña mariñeira, onde se saca o mellor partido aos peixes e mariscos poxados na planta baixa deste mesmo edificio, recentemente chegados da mar.

É interesante deixarse caer por alí nestes días, agora que xa mingua a escalada de prezos do Nadal e os crustáceos achéganse á súa época de plenitude. A carta está repleta de especies privilexiadas, non sempre fáciles de saborear noutros restaurantes, e cuns prezos alcanzables se se ten en conta o produto servido. Esta conxunción de circunstancias fai que as opcións carnívoras pasen a un segundo plano.

A parrillada de marisco é unha das favoritas da clientela, con eses crustáceos que adquiren unha cor vermella vivo tras a súa preparación. O cambio de coloración é maior no caso do bogavante autóctono, que perde os seus tons azulón e gris. Aquí fano moi ben con arroz, previo encargo, ata o punto de convertelo nunha das especialidades da casa.

As miñas predilectas son as nécoras de bo tamaño, cun toque de sal groso. O seu delicado sabor compensa a paciencia de desfacelas. Uns lagostinos á prancha tamén saben a gloria. As ameixas ao vapor, o polbo ou a combinación de polbo con ameixas son outras boas alternativas. Non hai que esquecer as luras frescas, cada vez máis valorados.

CASTAÑETA VERMELLA

A elección de peixe é unha cuestión de preferencias. Se se quere probar un pouco de todo, o que sempre vale a pena, pódese optar por unha parrillada. A castañeta vermella ou vicerrei feita ás costas é un dos pratos que se gravan na memoria gustativa, sobre todo cando a ración é de bo tamaño, como adoita suceder na Lonxa. Non faltan tampouco na carta outros peixes de primeira fila, como a robaliza ou o san martiño, sen esquecer o bonito cando chega a súa tempada.

A torta de galletas e o flan con queixo destacan dentro do elenco de sobremesas caseiras, xunto ao tradicional arroz con leite ou o pastel de piña.

Este restaurante, rexentado por Generoso Maseda, deixa sempre un bo sabor de boca nos seus clientes. Non en balde foi seleccionado por críticos anónimos da web 11970.com como un dos mellores da Mariña. Vale a pena acudir para contrastar persoalmente esta opinión.

Guía práctica

Como chegar. O establecemento atópase no peirao do Berbés, na primeira planta da nova lonxa. Pecha os domingos, agás en períodos de vacacións. O teléfono de contacto é o 982.58.11.57.

Que máis facer. Un percorrido polo porto e o paseo marítimo é moi apropiado despois de comer.

Saber máis. na web do restaurante.

Comentarios