A lamprea, o bocado máis exquisito

Lusi García (O Lar de Adrián)
O chef Luís García

O Lar de Adrián é un dos poucos restaurantes de Lugo onde se pode degustar nestas datas unha boa lamprea, ese peixe tan feo á vista como exquisito ao padal, cuxa tempada de capturas abriuse a mediados de xaneiro. O establecemento ofrécea polo momento á bordelesa, receita que tamén se denomina á galega, ao ser a súa preparación tradicional, na que o exemplar se guisa no seu sangue. A partir do próximo fin de semana e ata que termine o mes de marzo poderá saborearse un completo menú degustación no que se suman á lamprea á bordelesa outros dous pratos; a lamprea rechea e seca e frita. O atraso na oferta destes dous últimos pratos débese a que as primeiras pezas secas da actual campaña non estarán listas ata dentro duns días.

A lamprea rechea abrirá a degustación. O recheo leva pemento, xamón e ovo. Para elaborar esta receita, o peixe envólvese enteiro, como un rolo, e cócese en caldo de galiña. Tras un prensado previo sérvese coma se fose un fiambre, cun engadido de ensalada de pataca e ovo.

En Arbo, lugar de referencia das capturas deste cobizado peixe en augas do Miño, que co Ulla é o río onde se pescan estes buscados exemplares, hai veciños que comen a lamprea rechea en bocadillo. Como entrante goza de fama a empanada de lamprea, un dos pratos que máis entusiasmba a Álvaro Cunqueiro, pero que non é moi habitual nos restaurantes, xa que o exemplar encolle bastante ao preparalo e dá pouco de si para a empanada.

O segundo prato consiste en lamprea seca, afumada con canas de bambú e fritida. Neste caso, o exemplar mantense un par de horas en auga para que colla corpo e despois frítese á romana, con rebozado.

O Lar de Adrián ofrece aos comensais a peza enteira, que adoita pesar en torno ao quilo, preparada á bordelesa. O detalle é importante, pois así se come en toda a súa frescura e esplendor, xa que se se requenta perde moito.

Como sobremesas se pode elixir entre o leite frito e o requeixo das Neves, que é a denominación que recibe en Arbo este tradicional produto lácteo. E foi precisamente neste municipio pontevedrés onde o propietario e chef d'O Lar de Adrián, Luís García, aprendeu a preparar este peixe, guiado pola familia da súa muller, orixinaria do lugar.

A cociña d'O Lar de Adrián caracterízase pola súa creatividade, pero sempre desde o respecto ao produto. Durante este mes traballa no cambio de carta para adaptala á nova tempada. A principal novidade será a aposta por un amplo abanico de racións, como diferentes tipos de croquetas caseiras, revoltos e tostas, para que a xente poida tomar uns pratos e un viño a un prezo módico. Luís García mantén os pratos da carta que teñen un gran tirón entre a clientela, como é o caso dos peixes frescos ou o bacallau á portuguesa.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O restaurante O Lar de Adrián atópase no Carril das Flores, número 30, de Lugo.

Os interesados en reservar mesa poden chamar ao teléfono 982.24.42.45.

Outra suxestión

Este local ten un interesante menú ao prezo de dez euros, sen incluír a bebida.

Saber máis

http://lardeadrian.atagalicia.com 

Comentarios