A loura galega da cervexa

Seis galegos asentados en Barcelona, entre eles un veciño do Incio e outro de Monforte, son os creadores de Birrantia Marela e Birrantia Trigo País, dúas cervexas artesás que xa causan furor en Cataluña e que poderían comercializarse en pouco tempo.

a asembleaCultural Galega de Barcelona (ACGB) traballa pola promoción da cultura galega de xeito progresista e a súa integración coa cultura catalá. é ademais o xerme de numerosos proxectos no ámbito cultural, social e lingüístico e dentro da asemblea conviven varios grupos que levan a cabo actividades de todos os tipos, desde unha ludoteca para potenciar o galego como lingua vehicular entre os máis pequenos ata Birrantia, un colectivo que, en palabras da súa fundadores «ama a Galicia e á cervexa practicamente a partes iguais».

Ramón Casanova é monfortino, reside en Barcelona e forma parte da ACGB. Él e outros cinco galegos son a alma de Birrantia. Casanova explica que hai un tempo, coincidindo co auxe que a elaboración de cervexa artesá ten en Cataluña, varios membros do grupo fixeron uns cursos para coñecer o proceso de elaboración desa bebida. Aínda non son mestres cervexeiros co prestixio de ingleses ou irlandeses pero, como inicio, puxeron o seu coñecemento a servizo da ACGB e compraron a infraestrutura mínima para empezar a axustar a fórmula e sacar unha cervexa ‘made in Barcelona' pero con alma galega.

Tras varias probas e moitas degustacións -«non se tirou nada», aclara Casanova- Birrantia sacou dúas cervexas. Unha delas é do tipo ‘pale ale' e denomínase Birrantia Marela. A súa base é a malta de cebada e ten un toque amargo. é contundente e pensada para padais habituados á cervexa. Pero tamén fixeron unha Birrantia Trigo País, elaborada con malta de cebada e malta de trigo máis fresca e lixeira.

Explica Casanova que o proceso de elaboración de ambos os produtos é totalmente natural, sen aditivos nin preparados artificiais, no que se empregan malta e lúpulo de gran calidade adquiridos en Cataluña e auga que procede directamente de Galicia. Os promotores do produto advirten que non teñen nada en contra dos mananciais cataláns, pero querían que o selo galego chegase a unha botella de Birrantia a través da auga. O equipo de cervexeiros traballa con tiradas de 100 litros, que fermentan durante dous meses e seguen madurando en botella ata un máximo dun ano, ao contrario que as cervexas industriais, onde a fermentación se corta no momento do embotellado.

Desde hai uns meses as dúas variedades de Birrantia xa fan as delicias de todos os actos de confraternidade que organiza a ACGB e as botellas que trouxo Casanova a Monforte estes días que estivo de vacacións coa súa familia literalmente «voaron».

Ante esta boa acollida, Birrantia xa pensa na comercialización e para iso só falta ultimar detalles burocráticos como os rexistros sanitarios. «Temos a marca e todo o deseño preparado, así que esperamos que o proxecto creza pronto sen perder de vista que traballamos como colectivo», comenta o monfortino. A botella destas cervexas é tipo boliche, como as antigas de gasosa, cun tapón de peche con brida. A etiqueta vai en galego e a súa imaxe é unha vaca, a Marela, «a nosa loura galega particular», di Casanova.

De todos os xeitos, o monfortino aclara que empezaron con Birrantia como algo cultural. «Todos entendemos, especialmente nunha zona como a Ribeira Sacra, que o viño é unha cuestión cultural, que inflúe no noso xeito de ver o mundo, de relacionarnos e de reunirnos cos demais», argumenta Casanova, «apoia o concepto de comunidade». «A cervexa en Galicia non chega a ese punto, pero en Inglaterra ou Irlanda si que ten unha vinculación cultural; dentro da asociación queremos que sexa un elemento cultural máis», conclúe. E, xa que fala dos países cervexeiros, Casanova aclara que o seu produto comparte máis coas cervexas inglesas que coas irlandesas.

Este monfortino regresará en breve a Barcelona para retomar a súa vida profesional e seguir participando na ACGB, que mantén encontros unha vez ao mes. A parte da cervexa é quizais un dos proxectos máis innovadores.

Dos seis promotores de Birrantia, ningún está relacionado coa elaboración ou manipulación de alimentos. Tampouco procede de familia de viticultores ou sidreros nin ten relación co sector das bebidas. Casanova apunta que só hai un químico pero que tampouco ten vínculos con ese mundo. Neste sentido, para todos os integrantes foi unha gran experiencia porque, ademais de resolver a súa paixón coa cervexa, permítelles cortar coa rutina diaria, cos horarios laborais e gozar dunha actividade moito máis manual.

Comentarios