A venda de viños en Galicia sostense grazas ás exportacións

As exportacións de viño salvan os resultados do sector en Galicia, a pesar de que no conxunto estatal, o consumo hostaleiro baixará un 10%, segundo informou o director da adega Martin Codax, Juan Vázquez Gancedo, quen tamén é membro do Observatorio Español do Mercado do Viño.

Este martes, Gancedo presentou este instrumento do sector, no que participan as administracións central e autonómica, os consellos reguladores, as organizacións agrarias e as adegas. Sobre a situación en Galicia, o adegueiro o adegueiro explicou que os datos sobre o consumo en Galicia son de momento "illados" e só permiten mostrar "intuicións".

Fondos da UE

Os membros do Observatorio Español do Mercado do Viño manteñen reunións en Galicia con representantes da Consellería de Medio Rural e cos adegueiros da Comunidade para pedirlles que "que estean preparados os proxectos" ante a inminente publicación das axudas europeas ao sector.

Estes fondos teñen unha dotación media anual de 32 millóns de euros "para apoiar proxectos de promoción de institucións ou adegas españolas" en países fóra da Unión Europea, de forma que as empresas só terán que achegar o 50% do orzamento en cada proxecto.

Gancedo apuntou tamén que esta iniciativa suporá unha mellora no sector que, ata este ano, investía ao redor de 8 millóns de euros anuais na promoción.

Comentarios