As adegas expositoras de Vinis Terrae asisten a unha xornada para optimizar a participación no salón

Os representantes das adegas que van participar como expositoras en Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores Galegos de Calidade, asistiron esta mañá a un curso de formación orientado a optimizar a súa participación na segunda edición desta feira que terá lugar en Expourense os días 8 e 9 de xuño.

Esta xornada estivo organizada pola Consellería de Medio Rural, Expourense e a Asociación Galega de Catadoras, Gallaecia, e as Cámaras de Comercio. A directora de xestión de Expourense, Emma González, explicoulles a estrutura de feira e presentoulles os servizos dos que van dispor para facilitar a presentación e cata dos seus viños. Unha información que logo puideron analizar in situ cunha visita ao recinto, que se atopa en período de montaxe.

O secretario da Asociación Galega de Catadoras, Gallaecia, Antonio Raluy, explicou como deben presentar e servir o viño aos compradores e importadores para a súa cata.
 
O xefe do servizo da Consellería de Medio Rural, Waldo Carreiras, impartiu unha charla informativa sobre como preparar a participación en feira (material, documentación, etc.) e como actuar para sacar o máximo rendemento a curto e medio prazo e as actividades de post-feira.

A segunda edición de Vinis Terrae, contará coa visita de importadores de 17 países. Durante esta xornada, representantes das Cámaras de Comercio, explicaron aos adegueiros o marco xeral e tamén aspectos concretos a ter en conta sobre a exportación de viño.

Última reunión do Comité Asesor


Esta mañá celebrouse tamén a última reunión do Comité Asesor de Vinis Terrae no que se ultimaron os detalles e o programa de actividades entre as que destaca a misión comercial inversa que a Cámara de Comercio de Ourense organiza con importardores de Bélxica e Luxemburgo.

Todas as adegas participantes están adscritas ao Consello Regulador de Denominación de Orixe correspondente, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Todos eles estarán situados á entrada do pavillón feiral para que o importador, distribuidor ou profesional da hostalería, poida recibir unhas nocións básicas sobre as características dos viños e licores de cada consello para que elixa despues aquelas adegas que ofrezan caldos que mellor se adapten ao mercado para o que traballan.
 
Cada Consello Regulador ofrecerá dúas presentacións cata dos seus viños, unha o luns 8 e outra o martes 9, para que todos os compradores que só visiten o salón un día poidan asistir a elas. O programa de actividades contempla ademais visitas complementarias a algunhas adegas para que os importadores e compradores nacionais poidan coñecer in situ  os sistemas de produción do viño galego.

Comentarios