As comidas xaponesa e galega fusiónanse en Santiago

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Reyes Leis, presentou hoxe a programación gastronómica da Semana de Xapón para achegar a cultura nipoa á capital galega. Sopa de misho con polbo e wakame, Korokke de chicharróns ou Maki de xurelo, son algunhas das propostas que se poderán degustar nos dezaoito establecementos composteláns colaboradores a partir de hoxe, xoves, ata o vindeiro domingo.

Creacións únicas que fusionan a materia prima galega -un dos principais atractivos de Santiago para os turistas xaponeses- con novas técnicas de elaboración e de presentación nipoas, que pretenden integrar "esa gastronomía na nosa carta diaria", explicou Leis na presentación do programa de restauración.

As visitas institucionais á capital galega do primeiro ministro nipón, Shinzo Abe, recentemente, e a do príncipe herdeiro, Naruhito, o ano pasado, son factores que favoreceron o aumento da afluencia dos turistas xaponeses. Os prezos desta actividade serán de 2,5 euros a tapa e 5 euros o prato nos dezaoito establecementos participantes.

A Semana de Xapón inclúe ademais outras iniciativas para que a delegación nipoa de Tanabe, que visitará a cidade durante estes días, promocione Santiago como destino turístico entre os xaponeses.

Leis manifestou que as relacións entre as dúas rexións son cada vez máis importantes e que hai "moitos puntos de unión", por iso é polo que invitan a toda a comunidade a participar nestas actividades para coñecer ambas culturas.

Comentarios