As denominacións galegas bateron a súa propia marca de vendas en 2012

O secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández Couto, destacou hoxe que o pasado ano alcanzouse a marca de vendas de viño das denominacións de orixe galegas, en total 36 millóns de litros por valor de 150 millóns de euros.

En resposta parlamentaria ao deputado popular Moisés Blanco, o secretario xeral subliñou a relevancia social das cinco denominacións de orixe de viño galegas, que ocupan a 17.000 viticultores, preto de 450 adegas, unha base produtiva de case 10.000 hectáreas.

A produción foi o ano pasado de 44 millóns de quilos de uva, unha colleita algo máis baixa que un ano medio. Pero, dixo, foi de moi boa calidade e en 2012 vendéronse preto de 36 millóns de litros de viño, maioritariamente procedente de 2011, o que supón unha marca de vendas, o que considerou moi importante nun momento de crise e redución do consumo, mentres destacou que supón "unha inxección de ánimo e que as cousas se están a facer ben".

O valor deste viño, manifestou, supuxo 150 millóns de euros, o que tamén dá unha idea, manifestou, da importancia económica do sector.

POR MARCAS

Na campaña de 2011-12, agregou o responsable de Medio Rural, a porcentaxe de viños galegos que se comercializaron no mercado exterior foi de algo máis do quince por cento, unha cifra que ofrece diferenzas importantes por denominacións. Así, a das Rías Baixas foi de máis do 26 por cento; o de Monterrei un 10,8; un 6,7 de Valdeorras e citou "cifras inferiores" para o Ribeiro e o Ribeira Sacra.

Subliñou ademais que a denominación Rías Baixas acumulou un volume de exportación de 4,1 millóns de litros, o que supuxo o 89 por cento das exportacións galegas de viño. Finalmente, sinalou que na campaña 2006-7 as exportacións foron de 3,4 millóns de litros e representaban 9,18 por cento da produción e o pasado ano foi de 4,6 millóns de litros e un 15,10 por cento da produción, un incremento "moi importante", dixo.

Comentarios