Luis Paadín: ''Os viños que se fan en Galicia saben a terra e contan cousas''

Luis L. Paadín, experto en Viticultura e Enoloxía e presidente da Asociación Galega de Catadores, está convencido de que "o reto" dos viños galegos é a "comercialización" posto que son "caldos únicos, diferentes e cunha personalidade moi marcada".

En pleno éxito da experiencia chamada 'Túnel do Viño', que levou a Madrid, e da 'Guía de Viños, Destilados e Adegas', que dirixe e edita Servino Consulting, Paadín resaltou nunha entrevista con EFE o elevado interese dun "dos produtos máis importantes desde o punto de vista gastro-enolóxico cos que conta a Comunidade".

A guía edítase baixo un método cada vez máis común, o crowdfunding, unha especie de micromecenazgo.

Coa extensión que ten esta terra, Paadín resaltou que o feito de que haxa cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas e unha de Licores e Augardentes "é algo que non ten parangón", sobre todo cando entre elas existe algún elemento común pero moitísimos outros diferenciadores.

"Eu creo que os viños que se fan en Galicia saben a terra e contan cousas", abundou.

No caso da publicación, contou que o panel de catadores é autóctono, "porque é moi importante que os catadores entendan a terra, a climatoloxía, o terruño no que se produce cada viño".

Ocorre que "os catadores estándar teñen criterios estándar de valoración", pero "o que fai a un viño único e diferente é contar a historia da terra onde medra, se reproduce e se fai".

Paadín manifestou que en canto á comercialización "lamentablemente imos moi atrasados con respecto a outras zonas" a pesar de contar cun "potencial tremendo".

"Debemos ir polo bo camiño, e esta é a folla de ruta: a comercialización. Cada vez estamos a producir viño de mellor calidade. é para estar contentos e orgullosos".

"Temos un produto que intrinsecamente ten un valor e un potencial tremendo. O futuro está nas nosas mans. Se facemos as cousas ben, a Administración apoia, e todos, adegueiros, distribuidores, e nós, estamos aí... estaremos a manexar o noso futuro".

Así, indicou que a colaboración fará posible que "sexamos capaces de comunicar ao mundo o que temos dentro".

Como anécdota, no caso de que o Papa Francisco acabe visitando a capital galega, animou aos gobernantes e ás adegas a aproveitar esta boa "oportunidade para que o Santo Pai probe algún dos nosos viños".

O consello faio extensivo a calquera "autoridade con proxección mediática mundial que veña e poida coñecer os nosos caldos, os mexillóns, os percebes... A gastronomía e a viticultura son a nosa carta de presentación, a mellor que temos", concluíu.

Comentarios