Máis de 60.000 persoas na Feira do Cocido de Lalín

El presidente del PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, y la candidata popular Ana Pastor siguieron el desfile de charangas en Lalín (Fotos: EFE)
photo_camera El presidente del PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, y la candidata popular Ana Pastor siguieron el desfile de charangas en Lalín (Fotos: EFE)

Máis de 60.000 persoas abarrotaron desde primeira hora as rúas de Lalín (Pontevedra), con motivo da celebración da XL Feira do Cocido, convertendo esta edición nunha das máis concorridas desde o seu nacemento, no ano 1969.

No seu saúdo de benvida, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, referiuse ao pregoeiro deste ano, o presidente da Corporación Voz de Galicia, Santiago Rei Fernández-Latorre, como "un pregoeiro de excepción" e resaltou as propiedades do cocido, chegando a asegurar que "os 'grelos' son afrodisíacos".

A novidade das 'garotas' brasileiras
A continuación e como todos os anos, produciuse o tradicional desfile de carrozas, charangas e comparsas, un total de 27 agrupacións procedentes de parroquias e localidades próximas a Lalín.

Entre elas, a novidade este ano estivo no grupo de 'batuqueiros', bailaríns de capoeira e 'garotas' brasileiras que participaron por primeira vez no desfile, con moita máis roupa do que podería ser habitual debido ás baixas temperaturas.

Un dos momentos máis esperados foi a lectura do pregón por parte de Santiago Rei, quen indicou que "o entroido en Galicia comeza por Lalín, coa mellor festa, a máis grande, a máis saborosa e a máis internacional". Así mesmo, gavou as calidades do cocido de lalín, "un cocido como Dios manda", recalcou.

Con Xosé Cuíña no recordo
No transcurso da festa non faltaron as alusións ao recentemente falecido Xosé Cuíña, a quen o pregoeiro cualificou de recoñecido "experto en cocidos". Ademais, o alcalde referiuse a el como "unha persoa que falta entre nós e que hoxe estaría sen dúbida nesta corenta edición".

Doutra banda, o Auditorio Municipal de Lalín acolleu a celebración do Capítulo Xeral da Encomenda, que incorporou a dez novos integrantes que prometeron "comer cocido de Lalín polo menos unha vez ao ano e, a poder ser, na compaña doutros comendadores".

Entre os novos comendadores deste ano atopábanse a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e a xornalista Pilar Cernuda.

27/01/2008

Comentarios