Máis de 80 hostaleiros da Ribeira Sacra participan no Estase Cocendo

Un total de 82 establecementos hostaleiros da Ribeira Sacra participan desde o pasado fin de semana nas xornadas de exaltación do cocido organizadas pola asociación provincial do sector baixo o nome Estase Cocendo.

A responsable para a zona sur da provincia deste colectivo, Beatriz Vila Freire, indicou que aínda é moi pronto para saber o grao de aceptación desta iniciativa entre o público, aínda que si considera que unha aposta deste tipo, na que participa tal cantidade de bares e restaurantes, «ten que dar os seus froitos», destacou.

E é que ao Estase Cocendo apuntáronse 20 restaurantes de Monforte, catro de Chantada e O Saviñao, tres de Quiroga e Sober e dous de Bóveda que ofrecen menús.

Ademais, inscribíronse 44 bares nos que se ofertan tapas desta típica comida do Entroido. Deles, 33 están en Monforte; seis, en Chantada; dous, en Bóveda; e un, respectivamente, en Quiroga, O Saviñao e Taboada.

En todos eles, que os clientes poden identificar ao dispor dun cartel na fachada, ofrecerase cocido ata o día 8 de marzo.

Este ano, como novidade, todas as persoas que degusten un menú neses 38 restaurantes participantes recibirán un boleto co que entrarán no sorteo dun porco de 100 quilogramos de peso procedente da devesa de Formigueiros, un animal criado pola asociación de discapacitados intelectuais Prodeme.

O Estase Cocendo chega este ano á súa sexta edición, elixíndose ao ciclista Óscar Pereiro como compadre do certame.

Comentarios