O alcalde de Ferrol pide aos bancos que negocien para evitar desafiuzamentos

Suárez acudiu a unha concentración ás portas dos xulgados da cidade, onde estaba prevista unha execución hipotecaria

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, participou este martes nunha concentración contra os desafiuzamentos na que pediu aos bancos que senten a negociar para evitalos.

Suárez respondeu ao chamamento da Plataforma Antidesahucios de Ferrolterra, que tiña convocada unha concentración de protesta as portas dos xulgados da cidade, onde ás 11.00 horas estaba prevista unha execución hipotecaria por parte dunha entidade bancaria.

"Aurelia está a exercer un dereito legal para oporse a unha lexislación inxusta. Creo que Ferrolterra vive unha situación dramática que moitas veces non se visibiliza", manifestou Suárez aos medios na entrada do edificio xudicial.

Considera o rexedor que "o sitio do alcalde debe estar a apoiar esta situación fronte o sistema bancario, que moitas veces mira máis polo seu capital que polas circunstancias persoais de moita xente que está ao pasar mal".

"Defenderse é un dereito e penso que debemos estar aquí na procura de que os bancos, que teñen esa potestade, baixen un pouco o pedal dos desafiuzamentos e ábranse a negociar, as daciones en pago e a buscar a conciliación cos problemas sociais que temos nesta cidade", concluíu.

Comentarios