O Deza, cocido e algo máis...

Escribe Camilo José Cela en Del Miño al Bidasoa que Lalín é o pobo no que residen “os máis bravos mozos galegos”. E, en verdade, esta localidade pontevedresa en particular e toda a comarca do Deza en xeral sempre tiveron fama pola “bravura” das súas xentes.

Talvez porque estas terras do interior de Pontevedra marcan habitualmente as temperaturas mínimas no inverno galego aínda queda algo desa fortaleza, que se manifesta, por exemplo, nunha sólida gastronomía.

O porco é o rei da cociña no Deza, como en case toda a Galicia interior. Non é casualidade, pois, que unha estatua deste animal –case sacro para os do lugar– sexa o emblema moderno da puxante vila de Lalín e o momento foto que non se pode deixar escapar en calquera visita.

Ao Deza vale a pena ir, polo tanto, para comer un bo cocido, pero non só por iso. Paisaxe, riqueza natural e patrimonio son outros dos seus atractivos. A continuación suxerimos algúns apuntamentos destacados.

Recuncho Natural
Cerca do centro de Lalín (a pouco máis de tres quilómetros, pola N-525 en dirección a Ourense) atópase un pouco coñecido pero entrañable recuncho natural: a Fraga (bosque autóctono) de Catasós. Trátase dun espazo protexido, catalogado como Monumento Natural, que inclúe castiñeiros e carballos centenarios e que presenta os exemplares de castiñeiro máis altos de Europa, cuns 30 metros de lonxitude e 5 de diámetro na base.



Este lugar invita a un agradable paseo, especialmente indicado para ir en familia; unha correcta sinalización ofrece ademais información adicional de interese sobre a flora e a fauna. Cerca do bosque hai un Pazo no que ata chegou a residir a coñecida escritora galega Emilia Pardo Bazán. O único que talvez se lle poida obxectar á visita é o escaso espazo para aparcar, se se vai en coche.




Outro bosque autóctono de interese nas proximidades, a pesar de que non teña a categoría de Monumento Natural, é a Carballeira de Barcia, unha fermosa e acolledora área.

Fervenza do Toxa
Máis famosa que os dous espazos anteriores é a Fervenza do Toxa, xa no concello de Silleda, considerada a máis alta de Galicia, cunha espectacular caída de auga desde máis de 30 metros de altura.

Situada a uns cinco quilómeros da localidade de Bandeira (concello de Silleda), tomando a estrada que conduce a Merza e Vila de Cruces, nos últimos tempos viu alterada en parte a súa beleza polas obras da AVE (foto inferior esquerda), a pesar do cal sigue sendo un fermoso lugar para visitar.



Para chegar ata alí, hai que apartar á dereita xusto logo de pasar a explotación mineira de Campomarzo. Un pequeno letreiro (hai que ir atento) indica a desviación cara á fervenza.

Interese patrimonial

Nas proximidades da fervenza atópase o non menos singular mosteiro de Carboeiro , unha xoia tanto polo seu interese arquitectónico e patrimonial como, especialmente, polo encanto da súa localización.

Outro templo de interese é a igrexa de Ansemil, preto da referida catarata do río Toxa.

Toda esta área natural resulta especialmente indicada para o sendeirismo, con rutas non demasiado longas nin esixentes, que percorren paraxes de gran beleza e tranquilidade.

Neste contexto pódese situar tamén outro lugar recomendable, especialmente para ir con nenos: a praia fluvial da Carixa, preto de Merza, na que, ademais de poder darse un chapuzón (no verán), é posible celebrar un agradable xantar campestre, iso si, preferiblemente fóra dos meses de maior afluencia de bañistas.

Outra praia fluvial que se pode mencionar na contorna do Deza é a de Vilatuxe, no termo municipal de Lalín, a dez quilómetros da vila en dirección a Laro.

E para quen se achegue a esta comarca do interior pontevedrés tamén vale a pena visitar, no mesmo concello de Lalín, algún dos máis dunha ducia de pazos e casas solariegas que se poden atopar neste termo municipal. De entre eles destacan os de Filgueiroa, en Donramiro; Donfreán, en Catasós e Liñares, en Prado. Iso si, tan só pode admirarse a súa beleza desde fóra, xa que son propiedade privada.


Recomendacións


Para comer:

  • Mes do cocido. “De San Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín”. Este é o lema escollido polo Concello lalinense para unha promoción na que participan boa parte dos restaurantes da vila (foron 25 no ano 2008) e que anima a gozar do prato máis universal da capital do Deza xusto antes da celebración da popular Feira do Cocido (domingo anterior ao de Entroido), a festa gastronómica de referencia do inverno en Galicia. Os prezos dos restaurantes que participan na promoción oscilan entre os 20 e os 40 euros por persoa, para degustar un cocido regulamentario.
  • De entre os participantes no Mes do cocido cabe destacar o Restaurante Agarimo (Empalme, 2, Donramiro. Teléfono 986 780 902). Esta tradicional casa de comidas –hoxe tamén especializada en banquetes– sobresae ademais pola súa carne asada e por sobremesas caseiras e deliciosos, como o leite frito e as filloas.
  • Outro lugar de referencia en Lalín é o Cabanas (Rua Pintor Laxeiro, 3. Teléfono 986 782 317), no centro da vila, que xunto co tradicional cocido incorpora pratos e elaboracións máis innovadoras.
  • En Vilatuxe, a dez quilómetros de Lalín pola estrada PO-534 (en dirección á serra do Candán), atópase o Mesón O Cruce (Teléfono 986 78 24 28). É, posiblemente, o punto máis adecuado para gozar das boas carnes da zona, porque ademais do restaurante propiamente dito tamén ten carnicería. Desde un simple filete ata un chuletón (de medio quilo ou dun quilo) todos os pratos de carne son moi recomendables, aínda que tamén inclúe peixe e entrantes saborosos na súa carta.


Para comprar:

  • Carne. Calquera das carnicerías de Lalín ofrece garantías de calidade, pero postos a destacar algunha se pode mencionar a tenda gourmet de Embutidos Lalinense (Rúa Luís González Taboada-Licho, 19. Teléfono: 986 792 158), cunha selección de exquisitos produtos, sobre todo procedentes do porco.
  • Pan. Sen desmerecer ao de Cea (que case seguro é o mellor de Galicia) o pan de Lalín tamén ten o seu aquel. Son moitas as panaderías nas que se pode atopar e resulta aconsellable a súa compra para levar –aínda que sexa unha peza bastante grande– porque se conserva razoablemente ben uns días. Cabe mencionar as panaderías Fonte Sanguiña, Nercellas ou A Morena, todas elas no propio centro urbano.
  • Roupa. Non son poucos os urbanitas galegos que peregrinan os fins de semana a Lalín na percura de moda de calidade a bo prezo. A capital do Deza é un epicentro do téxtil galego e basta mencionar firmas locais (pero con dimensión moito máis ampla) como Florentino, Montoto, Guerral ou Toypes para reafirmar ese carácter de cerne do sector en Galicia.

 

Comentarios