O patrulleiro "Centinela" inicia unha operación de tres meses en África

Realizará labores de vixilancia e apoio militar nas augas do Golfo de Guinea

O patrulleiro de altura "Centinela" partiu hoxe da súa base en Ferrol para participar durante os próximos tres meses en distintas actividades de cooperación en varios países da costa occidental de África e no Golfo de Guinea dentro do Plan de Diplomacia da Defensa e como continuación da iniciativa "Africa Partnership Station" (APS). 

O barco "Centinela" continuará co labor desenvolvido na zona no primeiro trimestre do ano polo patrulleiro de altura "Vencedora", informou hoxe o Ministerio de Defensa.

OPERACIÓN DE TRES FASES. A primeira, ata mediados de outubro, inclúe o tránsito cara o Golfo de Guinea e  a colaboración mutua en materia de seguridade cooperativa con Senegal .

Nunha segunda fase, o buque permanecerá despregado nas augas do Golfo de Guinea e levará a cabo actividades de apoio militar no ámbito marítimo con Ghana. Tal e como indica o Ministerio, as actividades farán foco na identificación dos riscos inherentes na contorna marítima da zona: terrorismo, tráficos ilícitos, inmigración ilegal e piratería.

Na última fase colaborarase coa operación de apoio a Cabo Verde. Con este país, planearán e executarán actividades de cooperación no ámbito marítimo sobre vixilancia conxunta dos espazos marítimos baixo soberanía e xurisdición deste país.

Ademais, desenvolveranse actividades conxuntas coa mariña de Mauritania relacionadas coa vixilancia da pesca, o salvamento de persoas e a loita contra actividades ilícitas, entre outras.

Segundo relata Defensa, a APS é unha iniciativa que pretende "incrementar a estabilidade e seguridade marítima" na zona do Golfo de Guinea, aumentando as capacidades operativas das nacións de África Occidental mediante a realización de exercicios de adestramento conxuntos.

Comentarios